manequín

Manequín é unha palabra do mundo da confección que chega a nós a través do francés mais que tería por orixe o holandés ou flamengo manneken,  que significa “home pequeno”. Os primeiros “homes pequenos” eran as figuras de madeira que servían de modelo para os artistas –pintura, escultura…–. Logo pasarían a simular ser un torso humano que usaban os xastres para a confección de prendas. Dise que foi Charles Fréderic Worth, creador do concepto alta costura, quen en 1858 comezou a exhibir as súas creacións sobre unhas bonecas con trazos e forma humana, o que sería co tempo a semente dos desfiles tal como hoxe os coñecemos.

 

O termo púxose de moda nos últimos tempos por causa do mannequin challenge, algo que que podemos adaptar como o reto do manequín e que consiste en gravar e difundir un vídeo en que os protagonistas quedan totalmente inmobilizados nunha postura especial. Xurdiu por unha ocorrencia dunha moza dos EE.UU, usuaria de Twitter, quen publicou un vídeo da xente do seu instituto facendo de manequín. Non pasaba dunha brincadeira entre deles.  Púxolle o cancelo: #MannequinChallenge, e o invento espallouse a todo meter. Ao pouco non había famoso que se prece que non fique conxelado, mesmo unha candidata á presidencia estadounidense. O obxectivo: o divertimento, aínda que en ocasións tamén transmiten algunha reivindicación. Feitos por aquí, xa temos varios, e os pioneiros foron este do IES da Chapela, “O galego non para”, e mais estoutro da Universidade de Vigo.

 

Lingüisticamente atopamos a locución en inglés mannequin challenge ou o híbrido manequín challenge. Porén, recorrer ao estranxeirismo, neste caso, non é preciso xa que a intención queda perfectamente recollida na frase reto do manequín ou desafío do manequín.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir