melanoma

Estamos permanentemente expostos ao Sol, o que supón beneficios tanto para a saúde física como anímica, mais pola contra, os seus raios afectan, para mal, a nosa pel, e aínda que o noso organismo dispón de recursos para reparar o dano celular que provocan, estes non son ilimitados, polo que cómpre tomarmos medidas adicionais para minimizar o risco de desenvolver un melanoma, o tipo máis agresivo entre os cancros da pel.


As persoas que teñen a pel, os ollos ou o cabelo moi negros é porque algunhas das súas células (os melanocitos) producen un alto nivel dun pigmento de cor escura chamado melanina. Pola contra, este é moi escaso na xente pálida, ou mesmo inexistente nos afectados de albinismo. Na base deste conxunto de palabras –melanoma, melanina, melanocito–, está o morfema mela– (melan-/ melano-), creado dunha voz grega que tiña o significado de ‘negro’ ou ‘sombrizo’, presente tamén en palabras como melancolía. E melanoma sería, entón, o tumor constituído por células que conteñen melanina. Esta terminación, –oma, tamén nace na lingua helena, de ógkoma, e Hipócrates ou Galeno, grandes médicos da antigüidade, xa a empregaban para designaren calquera vulto tumoral. Por isto, deu lugar a numerosos vocábulos que se manteñen na linguaxe da especialidade, como por exemplo carcinoma –o tumor maligno formado nas células epiteliais– ou sarcoma –do tecido conxuntivo–.


Este léxico está moi popularizado fóra do seu ámbito específico, xa que as patoloxías que identifica se estenderon entre a poboación acabando por ser desfortunadamente habituais. Para alertar da necesidade de prevención, lévanse a termo periodicamente campañas que advirten do aumento dos casos de melanoma –está calculado que cada ano a súa incidencia sobe un 10% – ao tempo que se informa das medidas que se poden adoptar para intentar evitar a súa aparición, particularmente cando chega o tempo do estío –o  13 de xuño escolleuse como Día europeo contra o cancro de pel–, xa que a exposición intensa ao Sol, sen protección, é unha das súas causas principais.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir