electrineira

Na actualidade, os gobernos de moitos países están apoiando a venda dos que se coñecen como “vehículos enchufables”, isto é, aqueles que poden recargarse enchufándoos a unha fonte externa de enerxía eléctrica. Entre as súas vantaxes están sen dúbida teren un menor impacto medioambiental, xa que son menos contaminantes e máis silandeiros, e tamén ser menos custosa a súa alimentación. Así mesmo, nos últimos anos superáronse en boa medida as limitacións orixinarias relativas á potencia e autonomía, e todo isto leva consigo que cada vez sexa máis frecuente atopar lugares onde se poden recargar as baterías destes automóbiles. Para referirse a eles é habitual usar nos medios de comunicación o termo electrolineira, que se utiliza por primeira vez nun comunicado da Consellería de Economía e Industria en 2010.

Electrolineira contrúese por paralelismo evidente con gasolineira mais, se nos fixamos ben, é doado decatarse que o morfema –li(n)-, que si se xustificaba sobre a base gasolina, carece de sentido cando falamos de electricidade por tanto, quizais, sería máis correcto falar de electrineiras.

Por outra banda, non só na forma senón que tamén no que se refire ao contido, cómpre fiar un pouco máis fino antes de usarmos esta palabra cada vez máis habitual. Efectivamente, se reparamos no seu uso comprobamos que se emprega tanto para denominar un único punto de recarga como tamén os lugares que agrupan varios destes puntos. Para o primeiro, cando o que se subministra é gasolina, temos a palabra surtidor e noutras linguas veciñas vemos que se adoptaron solucións máis precisas como ponto de carregamento en portugués ou punt de recárrega para o catalán. En consonancia con estes procedementos xorde a posibilidade de empregar, para a segunda acepción, a expresión máis desenvolvida de estación de recarga (rápida) (para vehículos eléctricos).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir