quinoa

Plantación de quinoa e sementes nun recipiente

A quinoa é un alimento de moda. Pódese atopar en calquera supermercado e os nutricionistas enxalzan os seus numerosos beneficios, de xeito que é de esperar que logo pase a formar parte da dieta habitual da maioría. Aínda que para nós é un produto anovador, o seu consumo é tradicional en América latina, en concreto na rexión dos Andes –os principais produtores son Bolivia e Perú–, de onde é orixinaria esta planta da familia das quenopodiáceas, cuxo nome científico é Chenopodium quinoa.

O nome con que a coñecemos popularmente, quinoa –a forma con que aparece recollida no Dicionario de alimentación e restauración–, é a adaptación da maneira en que se refiren a ela na súa terra de orixe, xa que xorde a partir do indíxena quechua kinúwa ou kínua.

A parte de planta que consumimos habitualmente, en sopas, en ensaladas, como pan despois de torralas e facer fariña ou simplemente como gornición, é a semente, de aí que, polo seu aspecto, sexa común pensar que se trata dun cereal, cando o certo é que a quinoa, como quedou dito arriba, non pertence á familia das gramíneas, da que si forman parte o orxo, o trigo, o millo ou o centeo. Ás veces, dise que é un pseudocereal e en concreto é unha herba. En América do Sur tamén se consomen as follas, que recordan as da espinaca, de feito, en certos contextos tamén se pode atopar referida como “espinaca do Perú”.

Á sona da quinoa nos últimos tempos tamén contribuíu que 2013 fose declarado Ano Internacional da Quinoa pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, en recoñecemento das prácticas ancestrais do pobo andino para preservala como alimento das xeracións futuras e como medio de erradicación da pobreza, en harmonía co equilibrio natural.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir