Tendido na area, coa cara metida na auga, as calzas curtas empapadas, a camiseta vermella. Reproducida milleiros de veces nos medios de comunicación e redes sociais do mundo enteiro, a imaxe dun pequeno afogado na beira do mar Exeo –o mesmo ca varios membros da súa familia, cando tentaban fuxir da guerra en Siria–, deixou na xente a mesma sensación que deixan as patadas na boca do estómago. A Aylan, o neno sirio, faltoulle o esencial para ser un refuxiado: o refuxio.
Acollida, asilo, un lugar para gorecerse, eran os significados que o substantivo refugium, -ii tiña na lingua latina, desde onde, pasando pola transformación fónica esperable, chega o noso refuxio, o “lugar onde un se abriga ou onde se esconde para evitar algún risco ou perigo”. O verbo derivado, refuxiar –o mesmo ca a forma de participio refuxiado– ten na súa base o morfema fug– onde se deixa ver o vínculo etimolóxico co latín clásico fugere, que na lingua popular sufriu alteracións do vocalismo e a acentuación, dando o infinitivo fugire, no que se explican os resultados que posteriormente se observan nas distintas linguas románicas, incluído o noso fuxir. No significado, mantense no esencial o que tiña o étimo, isto é, ‘darse á fuga’ , ’desaparecer’. Partindo deste concepto, ao engadírselle á palabra o prefixo de reforzo re-, o verbo resultante refugere asume un valor semántico específico, ‘salvarse retirándose’, ‘marchar para un lugar seguro’.
Nos anos vinte do século pasado organízase por primeira vez, no marco da Sociedade de Nacións, a creación de órganos para dar acollida ás persoas forzadas a marcharen dos seus lugares de orixe, particularmente a rusos e alemáns que fuxiran da Primeira Guerra. Posteriormente, en 1951, foi a través da Organización das Nacións Unidas (ONU) –durante a Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados– que se definen as posibles causas de que un ser humano se vexa obrigado a buscar refuxio fóra do seu territorio, a saber, os desastres naturais, os conflitos armados e mais a persecución política, relixiosa ou por motivos de sexo ou raza. Na actualidade, a estas razóns súmase que o país de nacemento non sexa quen de asegurar a subsistencia dos seus nativos.
Desde a Convención de 1951, seguida do Protocolo de 1967, as nacións participantes contraeron o compromiso de proporcionarlles asilo humanitario ás mulleres e homes, nenos e nenas que o precisen e soliciten. A día de hoxe, a maioría dos estados membros da Unión Europea, así como o resto de potencias internacionais con capacidade de acollida, non cumpre con estes tratados, e por consecuencia tampouco coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948), como deixou ver en 2015 a denominada “crise dos refuxiados sirios”.