sororidade

"Sen noticias dos homes", Luís Seoane, 1969

Sororidade é un pacto entre mulleres para diminuír a fenda entre a súa posición social e a dos homes. Este concepto pode desprenderse dos textos dos especialistas do ámbito, en que a sororidade aparece definida como “pacto estratéxico de xénero”, “alianza entre mulleres” ou “dimensión ética, política e práctica do feminismo contemporáneo”. O seu hábitat natural son os escritos de enfoque feminista, especialmente desde finais dos sesenta ata o comezo dos oitenta, cando xorde esta acepción específica e comeza a se facer popular. Hoxe, é habitual nos foros de debate, nas redes sociais, nas publicacións violetas e no discurso de activistas como a antropóloga mexicana Marcela Lagarde, unha das súas maiores difusoras.

Lagarde, en La política de las mujeres (1979) falaba de sororidade como dunha “experiencia das mulleres”, que conduce á busca de relacións positivas e alianzas existenciais e políticas, para contribuír con accións específicas á eliminación social da opresión e conquistar o empoderamento xenérico e vital de todas. Na nosa lingua é común atopar a palabra no discurso de María Xosé Queizán ou Carmen Blanco, da actriz e política Isabel Risco e tamén no da tristemente falecida Begoña Caamaño, quen entendía que “a sororidade é unha arma de defensa e de empoderamento que só pode facernos máis fortes e máis libres”.

“A sororidade é unha arma de defensa e de empoderamento que só pode facernos máis fortes e máis libres”

-Begoña Caamaño-

Sororidade é unha palabra con equivalentes nas linguas románicas próximas; en italiano, emprégase sororitá, para o francés sororité, unha forma que está documentada por primeira vez no século XVI, co significado de ‘irmandade de mulleres’. Na base de todas as evolucións romances, atópase a forma medieval latina sororitas, sororitatis, cun sentido semellante, derivada do substantivo soror, sororis ‘irmá’, adoptando o mesmo modelo ca fraternitas, fraternitatis, desde onde se chega a fraternidade (“relación de amizade e solidariedade existente entre irmáns ou entre persoas cando se senten coma irmáns”). En inglés, o equivalente sorority está estendido no contexto universitario, referido ás irmandades de estudantes, ben que aparece cada vez con máis frecuencia noutros ámbitos. Co valor específico que adquire para o relato feminista, empregouse asemade o termo sisterhood, acuñado pola escritora e activista norteamericana Kate Millet.

Desde as primeiras estruturas sociais, existiu un vínculo especial entre as mulleres, nacido dun espazo de experiencias compartidas, onde se intercambian coñecementos sobre a crianza, a sexualidade, a organización da vida doméstica e da facenda etc. O específico da sororidade radica en que parte dunha iniciativa concreta para recoñecerse e defenderse unhas a outras da opresión. Enténdese plenamente dentro dunha visión non androcéntrica e en relación coa proposta dunha nova dimensión para as relacións humanas, non baseada en padróns historicamente asociados coa idea do masculino, como a competitividade, a agresividade etc.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir