superalimento

Alimento é calquera “substancia que contribúe á nutrición dos seres vivos”. Etimoloxicamente, procede do substantivo latino alimentum -i, derivado do verbo alere, que tiña o significado de ‘nutrir’ ou ‘facer crecer’.

Nos últimos tempos, nas sociedades da nosa contorna –coa esperanza de vida máis longa da historia da humanidade–, está de moda resaltar certos alimentos que se consideran especiais, que, ademais de cumpriren a función de proporcionar os compoñentes enerxéticos que fan funcionar un corpo, achegan algo máis. Estes alimentos con extras son os superalimentos que, como é evidente, lingüisticamente resultan de engadirlle ao substantivo o prefixo superlativo, super-

A palabra popularizouse rapidamente partindo da forma inglesa super foods, que, como recollen os dicionarios de Oxford e o Collins, son ‘alimentos ricos en nutrimentos considerados beneficiosos para a saúde e o benestar’. O termo aparece por primeira vez nos anos noventa do século XX, como título dun libro de cociña editado polo xornalista Michael Van Straten que acadou bastante éxito, e foi adoptado en diferentes linguas; en francés e portugués, atopámolo adaptado: superaliments e superalimento, mentres que en italiano e alemán estendeuse o anglicismo, superfood.

Inda que a palabra se emprega para denominar produtos naturais que posúen unha cantidade abondosa de antioxidantes, vitaminas ou outros nutrientes considerados beneficiosos para o estado físico e emocional, a voz superalimento non debería levarnos a equívoco, xa que non é un termo avalado pola medicina. Os beneficios para a saúde que os comerciantes lles atribúen non están, nun gran número de casos, comprobados cientificamente, antes ben, tense demostrado que algúns deles presentan compoñentes non saudables e que poden resultar pobres en conxunto as dietas centradas neste tipo de produtos, de xeito que o uso recorrente da etiqueta parece responder máis ben a unha estratexia de mercadotecnia.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir