transxénero

Persoas transxénero son aquelas que se perciben a si mesmas dun xeito que non corresponde cos costumes sociais que regulan a identidade, en particular, as normas que se refiren aos roles de xénero (gender roles no orixinal inglés do ensaio de John Money -1955- un dos primeiros en manexar o concepto). Estes roles enténdense como os padróns e modelos de conduta percibidos como apropiados para os homes e as mulleres, nun sistema social determinado. Son a expresión pública da identidade de xénero –ollo!, de xénero– que non de sexo, xa que as diferenzas sexuais dependen da bioloxía e non do relato social. Esta acepción da palabra xénero (do latín genur, -eris ‘nacemento’ ‘orixe’) é relativamente nova xa que xorde no discurso teórico feminista da segunda metade do XX; así mesmo, tamén o sexo acolleu novos sentidos, desde o étimo sexus con que os romanos expresaban a división dos seres vivos en machos e femias ata a lingua moderna, onde serve para denominar as relacións íntimas e tamén os órganos xenitais.

Neste contexto aparece o termo transxénero en interacción coa palabra transexual, de xeito que, malia compartiren o prefixo (de base latina, co significado de ‘alén de’, ‘a través’), non son propiamente sinónimos nin intercambiables, xa que a persoa transexual é especificamente aquela que recibe algún tipo de tratamento de nova asignación de sexo, ora de tipo cirúrxico, ora endócrino.

Transxénero converteuse progresivamente nun termo paraugas que acolle identidades e prácticas diversas, incluíndo transexuais, travestís e intersexuais

Dos anos noventa en diante, transxénero convértese progresivamente nun termo paraugas que acolle identidades e prácticas diversas, incluíndo transexuais, travestís e intersexuais (persoas que posúen características xenéticas e trazos físicos e de conduta propios do home e da muller, a un tempo e en grao variable). O termo oposto é cisxénero (cis-, en latín ‘do lado de acó de’), que se refire a aquelas persoas que non viven nunha relación conflitiva entre o sexo que se lles asignou no nacemento e a súa propia identidade de xénero.

A palabra transxénero contén, como dixo a filósofa Judith Butler, “o espírito da revolta”, polo que a reivindicación de asociacións e colectivos trans a favor de que se inclúa como entrada nos dicionarios académicos é unha acción que vai moito máis aló do estritamente lingüístico, xa que neste caso a sanción terminolóxica é tamén unha potente medida de visibilización. No proceso por facer máis visible a identidade das persoas transxénero e conquistar a plena inclusión social, déronse nos últimos anos avances mediáticos: a popularidade de Caytlin Jenner, Laverne Cox (da serie Orange is the new black), da artista musical Anohni ou a fichaxe dun neno transxénero para a mítica Modern Family son algúns dos exemplos máis recentes, desde que en 2009 por iniciativa da activista estadounidense Rachel Crandall se fixase o 31 de marzo como Día internacional da Visibilidade Transxénero.

Alén da aceptación normativa do termo, existen outras reivindicacións importantes  sobre esta palabra, sen saírmos do ámbito do lingüístico e gramatical. Unha delas é a cuestión do uso dos pronomes e determinantes –relacionada coa escolla entre a identificación legal da persoa implicada ou o nome con que se sente identificada–, de xeito que o que demandan as asociacións é que se fale de home ou muller transxénero (o transxénero / a transxénero) consonte a identidade na que se recoñece o suxeito do que se trata.

A aversión cara ás persoas transxénero ou transexuais chámase transfobia e provoca condutas intolerantes, discriminatorias e incluso violentas: como advirten os informes máis recentes, máis da metade dos menores LGTBI sofren acoso escolar e ao redor dun 60% presentan cadros depresivos como consecuencia da situación de exclusión legal e social. A loita contra a transfobia esixe responsabilidades en todos os ámbitos; neste sentido é salientable o compromiso da Comisión Europea, de xaneiro de 2016, por conseguir que se retire a identidade transxénero da Clasificación Internacional de Enfermidades mentais (segundo o criterio da OMS) e pase a considerarse unha cuestión de saúde sexual, ou tamén o  protocolo de actuación para os centros de ensino públicos dispoñible desde maio de 2016.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir