videopoema

Un videopoema é o que resulta de poñer en relación a poesía e o audiovisual, conxugando a expresividade propia da palabra poética coa imaxe e o son. Trátase dun neoloxismo creado por composición. Vídeo mantén a forma idéntica ao que en latín era a primeira persoa do singular do presente de indicativo do verbo videre ‘ver’ –ego video, isto é, “eu vexo”–; porén, chega á nosa lingua por medio do inglés, no século XX, aló polos anos 30, cun significado equivalente a ‘o que se pode ver nunha pantalla’, que logo se usa en concreto referido ao que se pode ver nunha pantalla de televisión, a súa principal aplicación. Pola súa parte, poema tamén o herdamos –sen mudar a forma nin o contido– do latín, poema -atis, lingua en que, alén da acepción de ‘composición en verso’, contiña outros significados relacionados co mundo das artes, como o de ‘compañía de actores’ ou ‘peza teatral’. Antes disto, en grego, poiema -atos, tiña o significado de ‘o que se crea’.

A relación entre palabra e imaxe fascina os poetas desde os tempos da vangarda, cos caligramas e pictogramas tan queridos polos creacionistas, e tamén, máis adiante, a autores que experimentaron cos recursos gráficos, como é o caso de Uxío Novoneyra ou os membros do colectivo Ronseltz, varios deles artistas plásticos. Así mesmo, nas mesmas orixes do xénero no noso sistema –as cantigas trobadorescas medievais–, o elemento sonoro era concibido como parte indivisible do texto poético. Por esta senda de tradición longuísima, viaxan os autores máis novos da nosa poesía, creando videopoemas que son, emporiso, a mostra da escrita máis actual. María Lado resumía moi ben o reto que asumen ao facelo: “Trato de que as imaxes que evoca a palabra non as desfaga o vídeo, aí está o equilibrio difícil de conxugar”.

A palabra videopoema estendeuse no ámbito da metaliteratura e a teoría literaria e no discurso dos e das escritoras, especialmente desde os primeiros anos deste novo século, motivados polas posibilidades expresivas que ofrece e por consideralo unha vía suxestiva para o conxunto dos lectores na sociedade da información, un público afeito á inmediatez, ao movemento, ás linguaxes propias dos soportes tecnolóxicos e o audiovisual. O videopoema confírmase, entón, como un recurso poderoso para atraer cara á poesía novos públicos, como ben soubo ver o poeta portugués Ernesto de Melo e Castro, a quen se lle atribúen os primeiros usos do termo –na década de 70–, no contexto da poesía experimental lusófona, emerxente nesa altura.

Escollemos catro videopoemas doutras tantas autoras da chamada “poesía última” –Antía Otero, Iria Pinheiro, Silvia Penas e mais María Lado–. Se che gustan, só tes que procurar nas plataformas de vídeo dixitais máis coñecidas… hai moitos máis!

Imaxe do vídeo de “O cuarto das abellas”

Algúns exemplos:

 

(2010) María Lado, berlín:
https://www.youtube.com/watch?v=hPKQkOD9vwA

(2016) Iria Pinheiro, “Capitalismo” (sobre un poema de Dani Salgado “O derradeiro poema de capitalismo serodio”):
https://vimeo.com/174086780

(2016) Silvia Penas “Miña nai” (canle de YouTube “Cinta adhesiva”):
https://www.youtube.com/watch?v=OB1QPBXbbnU

(2017) Antía Otero, O cuarto das abellas:
https://vimeo.com/190879830

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir