vórtice

Se es ou fuches dos queimados de Doctor Who, has saber ben de que falamos. En latín, vortex –icis significaba ‘remuíño’, o que coincide co valor actual de vórtice, que é “o movemento rápido en forma de espiral dunha masa de auga, aire etc.”. A palabra é aplicable en moitos ámbitos así que podemos falar de vórtice de enerxía, vórtice temporal, vórtice magnético etc. E tamén, claro está, vórtice polar.

Na terminoloxía do clima desígnase co nome vórtice polar a unha masa de aire frío xiratorio ou ciclón persistente de grande escala que se sitúa nun polo xeográfico e se localiza na media e alta troposfera e na estratosfera. A súa intensidade é maior no inverno.

Ao ter a Terra dous polos, tamén teremos dous vórtices. Así, o vórtice ártico ten unha forma alongada e dous centros, Canadá e Siberia. Cando estes se moven un chisco perden a súa función inmobilizadora e mandan vagas de frío intenso para onde non é frecuente, como ocorreu recentemente. De todos os xeitos, as ondas atmosféricas xeradas polas altas montañas que hai no norte fan que a intensidade do frío sexa menor, permiten a entrada de aire temperado e que as temperaturas sexan un chisco máis benignas ca no sur.

O outro vórtice, o antártico é máis persistente debido á orografía da zona, que por ser máis chaira non é quen de romper o remuíño para que entre algo de aire quente e diminuír a súa forza. De feito, este vórtice, que acada temperaturas de ata –90 ºC, illa a Antártida do resto da atmosfera e permite a proliferación de nubes polares estratosféricas, con cristais de xeo que actúan sobre as moléculas de ozono provocando a súa destrución e a creación do famoso buraco.

Este fenómeno non é exclusivo da Terra senón que outros planetas e corpos celestes tamén o teñen como é o caso de Venus, Marte, Xúpiter, Saturno e mesmo unha das súas lúas. O saber non ocupa lugar e sempre está ben ter temas diversos de conversa nun ascensor, pero estámonos a facer uns verdadeiros homes e mulleres do tempo a forza de fenómenos climáticos inhabituais.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir