xestación por substitución

Cando unha muller substitúe no proceso biolóxico da xestación a quen, logo do nacemento, será o proxenitor a todos os efectos, tanto legais como de crianza etc., falamos de xestación por substitución. En vocabularios especializados de recente publicación (Termos esenciais de dereito civil, USC, 2013) e tamén nos textos lexislativos, esta expresión é a única con carácter oficial entre as varias que se popularizaron na fala ou a través dos medios de comunicación para denominar este tipo de reprodución asistida, polo que , de non existir un pronunciamento normativo en sentido contrario no futuro, é a que agora propoñemos.

 

Unha das variantes recorrentes nos medios é “xestación subrogada” (tamén,  “maternidade subrogada” ou “nai subrogada”), que se fixo popular nos últimos anos da man de personaxes coñecidos do mundo da televisión ou do deporte. A expresión semella unha tradución do inglés surrogate pregnancy, lingua en que a palabra surrogate ten un uso común como equivalente de substituto, mentres, para nós trátase dun termo circunscrito a un ámbito específico, o do dereito, e cunha acepción restrinxida a este uso especializado. Como pode lerse no Dicionario, subrogar é “substituír unha persoa ou cousa nunha relación xurídica”. Tendo en conta este desfasamento de rexistros, parece preferible empregar para a adaptación un substantivo que si pertence ao léxico común, como é substitución.

 

A outra expresión que se fixo coñecida para estes casos é “ventre de alugueiro” pero o seu uso está desaconsellado polas connotacións que  implica canto á instrumentalización do corpo da muller.

 

No noso país, a xestación por substitución non é polo de agora un procedemento legal, mais si que poden inscribirse no Rexistro civil os nenos e nenas nacidos por esta técnica, amais de que se recoñece o dereito dos proxenitores a cobraren as prestacións por maternidade establecidas pola Seguridade Social.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir