medio home de sol

Alonso Montero

Para Antón Palacio, que cultiva esta hortiña léxica.

 

En Ventosela (no Ribeiro de Miño), meu pai tiña sona de moi traballador e de moi madrugador, aínda entre os campesiños que se erguían máis cedo. Lembro, setenta e cinco anos despois, a sorpresa dun mozote, o Matías, moi amigo da nosa familia:

– Señor Benito, nunca tal se viu: usté indo ó traballo tan tarde, cáseque con dous homes de sol!

O Matías, que medio lle facía as beiras á miña irmá a Sara, para fachendear de traballador diante de meu pai, engadiu:

– Eu xa bimei dúas gabias.

O Matías, sabedor de que meu pai estimaba moito a xente laboriosa e con ansia, aclarou:

– A min, no vrau, sempre me alborece fóra da casa, no eido.

– A min tamén –repuxo meu pai-, pero onte atopeime bastante mal e case non durmín en toda a noite.

Era o mes de xullo de 1938. Eu, que acompañaba a meu pai á viña do Souto, para a bima, levaba na aldea uns seis meses e aínda estaba no primeiro período de inmersión lingüística. Eu tiña nove anos e medio e fora castelanfalante, en Vigo, ata o 1 de xaneiro de 1938. O Matías, que era agudo como un allo, decatouse da miña impericia filolóxica e, medio en broma, preguntoume:

– Suso, seica non che aprenderon aínda o que é un home de sol ou dous homes de sol?

Non me lembro se lle contestei. Lembro, si, que era a primeira vez que oía semellante expresión. Tamén lembro que me engaiolou. Anos despois, utiliceina nalgúns escritos meus, nas conversas ás veces e, mesmo, escribín tres ou catros breves artigos sobre ela, e levo anos e anos indagando se tal denominación existe fóra do Ribeiro. A conclusión é que non existe máis alá das terras ribeirás e que, mesmo nas do Ribeiro de Avia, parece menos consolidada. En calquera caso, causa estrañeza que non a recolla don Eladio Rodríguez González, nado en San Clodio (Ribeiro de Avia), no seu monumental Diccionario. Non recordo tela lido na oceánica obra de Otero Pedrayo, o señor de Trasalba, aldea tan próxima á miña.

Se un ribeirao se ergue dez ou doce minutos despois do alborecer, do lumbrigar do día, recoñece, se non é un lacazán, que se ergue con medio home de sol, e, se o fai oito ou nove minutos máis tarde, que se ergueu cun home de sol. Cando se forxou esta expresión a estatura media do home ribeirao era dun metro e sesenta e cinco centímetros ou dun metro e setenta centímetros. Erguerse cun home de sol é facelo no intre en que a distancia entre o aro inferior do astro do día e o cumio da terra por onde asoma equivale, na nosa consideración, a un metro e setenta centímetros aproximadamente. Con este criterio cronolóxico pódese falar tamén de medio home de sol, home e medio de sol, dous homes de sol… e así ata catro ou cinco homes de sol. A partir de aquí, os ribeiraos din: “Erguinme co sol alto ou cando o sol xa ía alto”. As mesmas denominacións empréganse para o empardecer. Así pois, home (a súa estatura media) úsase, no idioma galego, como medida, non de todas as cousas pero, si, do tempo.

O 12 de novembro de 1991 publiquei en La Voz de Galicia o meu primeiro artigo sobre a insólita expresión co título “Medio home de sol: hápax”. O artigo ilustrábao cunha cántiga popular, obra dun fistor dalgunha aldea do Ribeiro na que se satirizaba, por nugalláns, ós señoritos da Vila (Ribadavia): Os señoritos da Vila/ son xente de freba mol:/ déitanse cando as galiñas,/ con medio home de sol.

Se existise tal cántiga (que eu “trobei”), a expresión medio home de sol constituiría, como se adianta no título do artigo, hápax, ou sexa, aquela voz ou forma idiomática que aparece só nun texto, nun documento. Hai pouco, lin unha magnífica monografía sobre unha aldea bastante próxima ó Ribeiro, e nela, o autor, no capítulo da poesía popular da tradición oral, recolle a ‘miña’ cántiga como se o pobo a lembrase e transmitise. Dalgún xeito, os meus catro versos escritos para ‘autorizar’ unha expresión, xa circulan na tradición culta.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir