batente

Parte do marco das portas ou ventás onde baten e paran cando se cerran.

Etimoloxía

Formouse a partir de bater, do verbo latino battuere 'dar golpes'.

Exemplos *

"Falou o home para contar, por un furado feito onda o batente da súa porta e ó parecer case chorando, que tiveran un accidente co coche e que a súa compañeira estaba malferida." (Xavier López Rodríguez: Días de desterro)

"Diamantino foi o derradeiro en saír do pendello e deulle un couce á porta que bateu con forza contra do batente e ficou pecha ó axustarse a caravilla." (Hixinio Puentes: O bandido Casanova)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.