bolígrafo

Instrumento para escribir que consta dunha barra con tinta introducida nun cilindro e dunha punta rematada nunha boliña que, ao apoiala sobre o papel, permite o paso da tinta.

Etimoloxía

Para este composto tomouse bola, do latín bulla, -ae e o elemento de orixe grega grafo, que ten o sentido de ‘escribir’ ou ‘escritura’.

Exemplos *

“Barrio colleu o bolígrafo que levaba no peto da bata e achegouse a buscar un caderno a un estante.” (Domingo Villar: A praia dos afogados)

“Luciano entende que a partida de escoba queda aprazada polo momento e recolle a baralla, o pano verde, o bolígrafo de propaganda dun refresco e mais o anaco de envoltorio de cartón de tabaco no que ía anotando os resultados do xogo.” (Paco Martín: A bisneta lercha)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.