cadaleito

Caixa onde se introduce o cadáver que vai ser enterrado.

Etimoloxía

Procede da forma catalectus do latín vulgar ‘padiola de morto’, que se orixinou ao se cruzar a voz catasta, que era a plataforma onde se expoñían os escravos para vendelos, con lectus, ‘cama’. Se ben hoxe o que se utiliza é unha caixa, anos atrás era unha padiola feita de ramas onde se levaba o defunto para enterrar.

Exemplos *

“Un pai que ninguén sabe que o é, que ninguén se imaxina que poida ter este fillo aquí, ou polo menos que o saben disimular moi ben, agardando que toquen a morto para iren detrás do cadaleito.” (Francisco A. Vidal: Os pecados capitais)

“Morrera desta vez a viúva do Manolo o Escarva, alcumado este de tal modo polo seu costume de andar decote cun escarvadentes na boca, tal que mesmo lle deran terra cun feixe deles dentro do cadaleito.” (Marcelino Fernández Mallo: Cabilia)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.