café

Semente da cafeeira, de aproximadamente un centímetro de longo, de forma oval por un lado e plana cun suco polo outro.

Etimoloxía

Esta palabra chegou ás linguas románicas desde o turco qahvé, considérase que tomado do árabe qawha, denominación do viño tamén aplicada ao café.

Exemplos *

“… días de pés inchados traballando arreo na descarga de fariña chegada en tren desde Palencia ou torrando café dunha sabia mestura de grans importados do Brasil e de Colombia, das montañas azuis de Xamaica ou dos matos da Costa Rica …” (Xavier Queipo: O ladrón de esperma)

“… calcetíns xa tiña, xabón da roupa, grellas para a brasa, mandís, felpudos, café en gran, herba artificial, locións de beleza …” (Xurxo Borrazás: Na maleta)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.