caldo

Líquido en que se coceu carne, verdura, peixe ou outros ingredientes, dos cales colleu a substancia.

Etimoloxía

Chegou do latín, onde se orixinou a forma caldus –a –um como redución de calidus ‘quente’.

Exemplos *

“Guisámo-lo lombo da robaliza a forno moderado xunto coas ceboliñas e engadímo-la fariña, un pouco de caldo de peixe e, remexendo continuamente, deixamos ferver durante cinco minutos.” (Xoán Carlos Rodríguez Sánchez e Xesús León Guillén: Pesca submarina en Galicia)

“… agarimándolle a fronte cando comprobaba a febre, sorríndolle ó lle ofrece-la fumegante cunca do caldo limpo, ó arranxa-lo embozo, ó bicalo na noite.” (Francisco Xosé Fernández Naval: Tempo de crepúsculo)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.