decorado

Conxunto de elementos utilizados no teatro, no cine ou na televisión para representar o lugar da acción.

Etimoloxía

Deriva de decorar e este remite ao verbo latino decere ‘convir, estar ben’.

Exemplos *

“Actuara nos mellores teatros, pero como tiña máis mal humor que unha diva convencional os directores deixaran de contratala, sobre todo porque cando se enfadaba era capaz de botar abaixo o decorado ...” (Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas)

“Cubriu os espellos con grandes panos de sedas de cores. O cuarto parece un decorado de teatro expresionista. As teas penduran dun modo improvisado.” (Xosé Antonio Perozo: Martázul)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.