domingo

Último día da semana, que segue ao sábado, ou primeiro na consideración relixiosa, dedicado polo cristianismo ao culto a Deus.

Etimoloxía

Procede da expresión latina dies dominicus ‘día do Señor’.

Exemplos *

“Enredábanseme as silvas no meu vestido de domingo, apertábanme os zapatos de charón, metíaseme o pelo nos ollos ao correr rápido, cada vez máis rápido, detrás do coello.” (Paula Carballeira: Alicia & Alicia)

“Nosoutros oímos os disparos, pero pensamos que eran foguetes, porque iso foi o domingo pasado e había festas en varias parroquias de arredor.” (Carlos G. Reigosa: A lei das ánimas)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.