escenario

Parte do teatro onde se fan as representacións.

Etimoloxía

Procede dunha forma do latín tardío scaenarium –i ‘lugar da escena’, que nos chegou a través do italiano scenario.

Exemplos

“... isto é unha función e no teatro, nas películas, as coiteladas son de mentira, non vai morrer, só quedar aparcado entre bastidores, fóra do escenario ...” (Marilar Aleixandre: A compañía clandestina de contrapublicidade)

“Despois de lerlle o papel a quen sexa que me escoitou, tiven que ir ao café Odéon, ao lado dun teatro cun escenario no que non subín nunca, para unha entrevista cunha xornalista de Le Monde.” (Inma López Silva: Contos da baiuca)