estornela

Xogo que consiste en dar cun pau noutro máis pequeno e rematado en punta nos extremos, que está colocado no chan, de xeito que se fai saltar e, xa no aire, dáselle un segundo golpe que o despide a maior distancia.

Etimoloxía

Apúntase como hipótese para a formación desta palabra unha combinación do prefixo es- cun diminutivo da voz ‘torno’ (do latín tornus ‘xiro’).

Exemplos *

“…daquel fermoso tempo no que aínda a Banda do Río era a banda do río, en que os rillotes xogaban á estornela na area do Forte e as peixeiras corrían cara o mercado pontevedrés con aquel alancar.” (Xosé Filgueira Valverde: Adral 6)

“…choutando de palabra en palabra mentres os ventos céfiros desfán a fada e as aspas da estornela xiran sen parar, coma o seu pensamento.” (Margarita Ledo Andión: Porta blindada)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.