estrear

Usar por primeira vez unha cousa, en especial unha peza de roupa

Etimoloxía

Creación sobre o substantivo “estrea” que chega do latín strena, -ae ‘regalo de boa sorte entregado o día dunha festa’.

Exemplos *

“Por iso a mamá está lonxe e non sabe do vestidiño que estreas nin ve como almorzas nin como dormes.” (Carmen Pereiras: Pequenos infinitos, 2008)

“Camilo sente as poutas da rabia no corpo e estrea a soidade nova dunha cela na que latexa o medo silencioso e nocturno á morte.” (Antón Riveiro Coello: As rulas de Bakunin, 2001)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.