figueira

(Ficus carica) Árbore da familia das moráceas, de follas grandes e lobuladas e madeira clara que racha con moita facilidade, que dá como froito o figo.

Etimoloxía

Derivado do nome do froito, no latín ficus –i.

Exemplos *

“—Eu non te levo, vas ti. (Isto gostoume moito). Pro ás figueiras non tes que subir, porque si non se sabe andar por elas ráchanse as ponlas e fan bruído.” (Eduardo Blanco Amor: Os biosbardos, 1962)

“Bicos con sabor a mel, cuspidiños aos figos melosos que viñan da figueira dos engados, atal os barcos que parten decontino a Citerea.” (Vicente Araguas: Xuvia-Neda, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.