garza

Ave da familia dos ardeidos, pernilonga, co pescozo e o bico tamén longos e un peculiar penacho de plumas na parte posterior da cabeza, que vive preto dos ríos, lagos, lagoas etc., onde se alimenta principalmente de peixes, anfibios e plantas acuáticas, e da que existen diversas especies.

Etimoloxía

Non hai acordo sobre a orixe desta palabra, para o que se propón o seu nome latino ou unha forma prerromana *karkia.

Exemplos *

"A garza real, que se ve obrigada a facer grandes travesías por mor da súa capacidade migradora, utiliza os ríos durante toda a súa longa viaxe ata o mar para alimentarse." (Xosé Lois Ripalda: O país dos mil ríos)

"A paisaxe era realmente atractiva na primavera: […] prados inzados de flores, lameiros encharcados nos que saltaban as ras e as garzas buscaban alimento." (Xosé Cermeño: Os nervios da cabeza)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.