gromo

Pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores.

Etimoloxía

Considérase que procede do latín grumus –i ‘monte de terra'.

Exemplos *

“Era algo comparable a unha árbore na que, despois da secura do inverno, os seus gromos rebentan irrefreables, ata encheren todas as pólas dunha mesta e fresca e verde follaxe de primavera.” (Antón Cortizas: Leonel)

“Os salgueiros son dos primeiros en florecer; aos freixos xa se lles ve nas puntas das pólas os gromos e as primeiras folliñas; os carballos e os castiñeiros seguen dormentes, pero non por moitos días ...” (Clodio González Pérez: Galicia Hoxe 17-03-2007)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.