lagosta

(Palinurus elephas) Crustáceo mariño da familia dos palinúridos de corpo alongado, cun tamaño medio entre vinte e trinta centímetros, con dúas longas antenas moi robustas e grosas no pé, moi apreciado pola súa carne.

Etimoloxía

Suponse que procede dunha forma do latín vulgar *lacusta, alteración do clásico locusta –ae, que denominaba o saltón e mais o animal mariño.

Exemplos *

“Vas tomar de entrante un cóctel de marisco. Lagosta con salsa rosa sobre un carolo de leituga do val da Barcia.” (Manuel Rivas: O lapis do carpinteiro)

“Dúas lagostas de tamaño medio fervían na auga. A cociña recendía a mar.” (Aníbal C. Malvar: Unha noite con Carla)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.