magma

Masa mineral pastosa que se forma no interior da codia terrestre, nunha zona de altas temperaturas e fortes presións, que ao arrefriar dá lugar ás rochas magmáticas.

Etimoloxía

Vén desde o grego magma –atos ‘pasta’.

Exemplos *

“É interesante lembrar que en determinadas zonas dos fondos oceánicos, nos límites das placas, existe emisión de magma procedente do interior do planeta.” (Xaquín Penas Patiño: A arca de Noé)

“... as enormes presións e temperaturas alcanzadas provocaron a fusión das rochas. Ó solidificar este magma formáronse os granitos, que son as rochas máis comúns da costa occidental galega ...” (Óscar Pazos: Xeografía física do litoral)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.