mandolina

Instrumento musical de corda coa caixa de resonancia en forma de media pera, brazo curto e catro pares de cordas que se toca percutindo estas cunha puga.

Etimoloxía

Procede do italiano mandolino, diminutivo de mandola, aínda que parece que chegou a nós a través do francés mandoline.

Exemplos *

“Entre as virtudes de El estaba a de tocar diferentes instrumentos, a guitarra, o laúde, a mandolina, o piano, a frauta.” (Xosé Antonio Perozo: Martázul)


“É unha mociña dunhos dezaoito anos, con ela escuso lucir as sofraxes, bambeándoas ó compaso das mandolinas.” (Bieito Iglesias: A vida apoteósica)
 

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.