narciso

Planta bulbosa anual da familia das amarilidáceas, da que existen distintas especies, con follas radicais estreitas e flores moi aromáticas, brancas ou amarelas, con forma de tubo.

Etimoloxía

A través do latín narcissus, –i e este do grego Narkissos 'Narciso', nome do fillo do deus Céfisos e da ninfa Leiriope, namorado da súa imaxe, morre -di a lenda- afogado cando se mira no río e transfórmase nesa flor. 

Exemplos *

"Sentía vertixe, e calor nas meixelas, e frío nos pés, e sentíame caer a rolos por un prado acugulado de narcisos." (Teresa Moure: Herba moura)

"E logo xa agromaban as lámpadas do chan dos primeiros lirios e narcisos." (Manuel Rivas: O lapis do carpinteiro)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.