praia

Extensión de area ou pedra miúda, polo xeral plana, á beira do mar ou dun río.

Etimoloxía

Procede dunha forma do latín xa tardío plagia, que viña do grego plagios ‘oblicuo’. Dese sentido pasou ao de ‘ladeira’ e logo ao que coñecemos hoxe en día.

Exemplos *

Dei a volta pola praia de area fina e pasei á outra banda, onde había tamén croios e pelouros." (Carlos Durán: Catro narracións)

Viñamos da praia, desa longa e lanzal que se chama A Lanzada e na que a terra enxoita ou mal traballada se vai lavar no mar." (Alfredo Conde: Memoria de Noa)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.