puntada

Cada unha das pasadas que se dan coa agulla ou con outro instrumento semellante cando se cose.

Etimoloxía

Deriva de punto, do latín punctum –i.

Exemplos *

“... comezar a aprender esa táctica que empregaban tódolos que sabían de que ía a cousa e que coincidía co dito de "non dar puntada sen fío".” (Ramiro Fonte: Os leopardos da lúa)

“-El estaba a arranxar unhas redes, puntada a puntada, paseniño, como se tivese todo o tempo do mundo entre as mans.” (Dolores Ruiz: Dentro da illa)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.