queimada

Bebida característica de Galicia que se fai queimando augardente e azucre ata que se consome gran parte do alcohol, á que se lle poden engadir outros ingredientes, como grans de café, anacos de froita etc.

Etimoloxía

Deriva de queimar, que se supón que evolucionou a partir dunha forma hispánica *caimare, modificación do latín cremare.

Exemplos *

“Da praia pola noite quedará a lembranza do tacto da area fría tras quitar o calzado, dunha queimada, botellas de augardente, limón, café e esconxuro.” (Laura Caveiro: As naos afondando)

“¡Se é verdade que tedes máis poder ca xente humana, facede agora que os amigos que están fóra, participen con nós desta queimada!” (Lalo Vázquez Xil: A da alba sería)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.