rebaixa

Venda de produtos a un prezo máis baixo do que viñan tendo

Etimoloxía

Termo regresivo do verbo “rebaixar” e este de “baixar” que procede do latín vulgar *bassiare que vén do adxectivo bassus, -a, -um ‘pequeno e baixo’.

Exemplos *

“E é tan lindo pasear polos corredores coa miña bata, Sara, coa que compraches nas rebaixas. Parezo un conde con ela posta.” (Manuel Seixas: A velocidade do frío, 1996)

“Seguro que o di pola miña chaqueta azul mariño con reflectores. A que é bonita? Compreina nas rebaixas.” (Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas, 2011)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.