ritmo

Disposición regular de sons, repetición periódica de tempos fortes e débiles que caracteriza unha peza musical.

Etimoloxía

Chegou a través do latín, pero a súa orixe está no grego rythmos –ou ‘movemento regular’.

Exemplos *

“Eses vidros de cores deron en iluminarse de xeito alternado, coma se fosen as pezas dun mosaico que se acendesen e apagasen seguindo o ritmo dunha danza prefixada.” (Agustín Fernández Paz: Avenida do parque, 17)

“... ela comezou a mexerse ao mesmo ritmo, coma se as ramas fosen a batuta que dirixía aquel ballet.” (Mª Xosé Queizán: Ten o seu punto a fresca rosa)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.