sismógrafo

Aparello utilizado para medir a amplitude e frecuencia das ondas sísmicas nun punto da superficie terrestre.

Etimoloxía

Creación sobre o helenismo seismós ‘abalo ou tremor’ coa terminación -grafo tamén de orixe grega: graphés ‘escrita’.

Exemplos *

“O seu corazón, como se fose un sismógrafo que detectaba os movementos dun terreo pouco seguro” (Ramiro Fonte: Os leopardos da lúa. Unha traxedia particular, 1993)

“O terremoto foi detectado de inmediato polos sismógrafos de Honolulú (Hawai, aproximadamente a 20°N , 160°W), en onde inmediatamente se alertou á poboación” (Gabriel Rosón Porto e Ramiro A. Varela: Manual de oceanografía física descritiva, 2002)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.