soterrar

Meter un defunto nunha sepultura, especialmente nas situadas baixo terra.

Etimoloxía

Sobre a orixe desta palabra danse dúas explicacións, xa que cabe a posibilidade de que a recibísemos xa formada así do latín ou que se trate dun composto creado posteriormente. De acordo con isto, unha das posibilidades é que derive dunha hipotética forma latina *subterrare. A outra, que se trate dunha formación romance, na que se bota man do prefixo so- (‘debaixo de’), co cal soterrar sería ‘meter so a terra’.

Exemplos *

“Case dúas horas máis tarde chegou o doutor da familia, para certificar a morte en total complicidade, beizos selados para sempre, evitando así, para sempre tamén, a autopsia, o xuíz, o escándalo da morte pola propia man e a negativa canónica a soterrar o tío Filipe no cemiterio dos cristiáns.” (Xavier Queipo: O ladrón de esperma)


“Abadesa, pídovos licenza para soterrar don Nuno no voso cemiterio, onde poida ser acompañado de vós e honrado das vosas mans por sempre e non comesto polas feras no campo de batalla.” (Teresa Moure: Unha primavera para Aldara)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.