tarrañola

Instrumento musical popular formado por dúas pezas planas de madeira, pequenas e alongadas, que se encaixan entre os dedos e se tocan baténdoas unha contra a outra.

Etimoloxía

Voz de orixe incerta, apúntase que poida ter relación co material co que poden estar feitas, xa que unha das posibilidades é que sexan anacos de tella ou dun obxecto de barro.

Exemplos *

“Teño polainas de buxo, tarrañolas de burel, para dar ó meu compadre porque zurrou á muller.” (Juan Antonio Saco y Arce: Literatura popular de Galicia)


“As tarrañolas xa aparecen nas miniaturas do Cancioneiro de Ajuda onde son usadas polas cantadeiras mercenarias ó mesmo tempo que danzan ó son dos cantares do xograr. Co tempo convertéronse nun instrumento popular moi estendido.” (Ana Sánchez Brunete e Enrique Montero Torreiro: Os instrumentos da música popular)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.