troita

(Salmo trutta fario) Peixe da familia dos salmónidos, duns corenta centímetros e cor variable, xeralmente acastañada con pintas negras ou vermellas arrodeadas por un círculo claro, que vive nos ríos e regatos de augas claras e frías e é moi apreciado pola súa carne.

Etimoloxía

O nome deste peixe tomouse do latín tructa –ae, probablemente de orixe celta.

Exemplos *

“Hai ocasións en que unha troita de bo tamaño consegue liscar, levando un anaco de cebo na boca e o pescador, no canto de asañarse, narra aos amigos a fazaña da troita como se fose el mesmo quen lle ensinara a fuxir con media miñoca entre os dentes.” (Marilar Aleixandre: O coitelo en novembro)

“As augas nacen da neve, son augas frías nas que brincan as troitas, transparentes.” (Xosé Miranda: Historia dun paraugas azul)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.