vaso

Recipiente de vidro, metal ou outro material, xeralmente de forma cilíndrica, que serve para beber.

Etimoloxía

No latín clásico era vas –asis ‘recipiente’, que pasou no latín vulgar a *vasum, de onde chegou á nosa lingua.

Exemplos *

“Anícome para abrir a porteliña da máquina, retiro o vaso branco co café, deixo caer a portela, vólvome erguer, doulle o primeiro sorbo e camiño para o meu asento.” (Antón Dobao: Incertos)

“Coa mesma cerimonia diaria retirou da mesa un vaso, retirou un prato, distraendo as mans e logo un garfo, e logo un coitelo, e logo un pano.” (Camilo Franco: Palabras contadas)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.