virus

Microorganismo invisible co microscopio óptico, que actúa como axente infeccioso e que pode reproducirse como parasito no interior de células vivas, ás que acaba destruíndo.

Etimoloxía

Chegou do latín virus –i ‘zume’ ou ‘veleno’.

Exemplos *

“Sobre a mesiña central había un feixe de revistas do corazón e un tríptico no que se podía ler: “Esta clínica está desinfectada contra o virus da sida”.” (Francisco Alonso: Cemiterio de elefantes)

“Tamén cabe destaca-lo problema da sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) causado polo virus LAV (virus asociado a linfadenopatía), que se ben experimentou avances nestes últimos anos, na súa loita segue xogando un papel primordial a información e a educación.” (F.J. Peña Castiñeira: Manual de saúde ambiental)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.