vitamina

Composto orgánico requirido por un organismo para o seu normal crecemento e saúde, que xeralmente vén subministrado na dieta.

Etimoloxía

Chegounos desde o inglés, pero é unha creación da lingua científica que combina o latín vita (‘vida’) e amine (‘amina’), porque se pensou que as vitaminas contiñan aminoácidos.

Exemplos *

“Cómpre incluír as cabazas na nosa alimentación porque son unha gran fonte de potasio, posúen un alto contido en vitamina C, E e B1, a súa achega calórica sitúase entre 12 e 40, dependendo da variedade, e o seu contido en graxas é moi baixo.” (Galicia Hoxe 20-02-2005)

“Pola tarde outra mestra falou doutras cousas. De que había que comer con sobriedade, sabendo o que se comía. De estudos de combinación de proteínas, vitaminas e sales.” (Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes: Morrer en Vilaquinte)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.