zamborca

(Alosa alosa) Peixe da familia dos clupeidos, de cor azul verdosa no lombo e prateada nos flancos e no ventre, que pode alcanzar os sesenta centímetros de lonxitude, vive en augas profundas e desova no curso baixo dos ríos.

Etimoloxía

Parece proceder dunha forma celta samauca, derivada de samos ‘verán’, pola época en que aparece nos ríos.

Exemplos *

“Naquel tempo o río levaba moita pesca: cazapos, anguías, bogas, troitas, zamborcas, meixón...” (Ánxel Vázquez de la Cruz: Luz de tebra)

“... tivémo-la fortuna de coller lampreas, troitas e salmóns e uns peixes que Mirabeau chamaba sabelas pero que a nosa tripulación coñecía de sempre como zamborcas.” (Xavier Queipo: O paso do noroeste)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.