A televisión

Cada día pasamos máis tempo diante da pantalla do computador, a tableta ou o móbil, traballando, enredando ou por ver de manter activa a nosa escasa vida social no mundo real. Mentres isto sucede, hai outra pantalla na casa, a do televisor, que perde día a día a súa hexemonía como medio de información e entretemento.

A televisión, que ata o de agora fora adorada e odiada por igual, está adquirindo unha certa condición nostálxica, sobre todo para aquelas xeracións que botaron moitas horas de lecer da súa infancia e xuventude mirando para ela. Nesta nova etapa, quizais sexa o momento en que a TV teña que renovarse totalmente se quere resistir a arremetida de Internet ou igual haberá que irlle preparando a despedida definitiva, que motivos non faltan tampouco para deixala ir sen coita. Sexa como for, en tanto esta batalla non se resolve, non pode negarse o xigantesco impacto social que a televisión tivo e aínda ten a todos os niveis, incluído o da lingua e as palabras, que é o noso.

Neste Setestrelo partimos como sempre do Dicionario da Academia (e tamén neste caso do Dicionario galego da televisión) para recoller e explicar parte do léxico fundamental da televisión, non as palabras máis técnicas nin as máis modernas, senón aquelas máis básicas e presentes na fala de calquera dos que medramos con ela.

1

cámara

Aparello capaz de rexistrar imaxes para logo ser reproducidas fixas ou en movemento.

Referímonos en particular á cámara óptica, sistema empregado para capturar imaxes, e tratándose da televisión, de imaxes en movemento. Interésannos as chamadas cámaras de vídeo ou cámaras de televisión, que converten en sinais eléctricos as imaxes que procesan. Distínguense, por esta razón, da clásica cámara cinematográfica ou de cine, que captura unha serie de fotografías en sucesión nun rolo de película que, unha vez revelada, pode proxectar o movemento orixinal. Outros tipos de cámara, de uso crecente na era de Internet, serían a cámara web, que emite vídeos a través dun computador, e mais a cámara IP ou cámara de rede, que trasladaría as imaxes directamente á Rede.

Nas linguas romances, a palabra cámara (francés caméra, italiano camera, portugués câmera, catalán cámera, castelán cámara) orixínase no latín camara -ae (ou camera -ae), con inestabilidade na vogal postónica, pero en todo caso de acentuación esdrúxula, en contraste co étimo grego kamára -as, que tanto nunha lingua coma na outra aludía a algún tipo de recinto de teito abovedado, un cuarto ou tamén especificamente o camarote dun barco. Desde aí, no latín moderno, créase a expresión camera obscura (antónimo de camera lucida) que designaba unha especie de caixa negra cunha lente nun dos seus lados, capaz de proxectar imaxes de obxectos externos e que, contra o século XIX, co nacemento da fotografía moderna, pasou a ser o nome para o aparello que capturaba as fotos.

Recóllense múltiples expresións ao redor de cámara, por exemplo, á cámara para indicar un xeito de dirixirse directamente ao obxectivo do aparello que grava buscando a proximidade e implicación máxima do televidente, ou tamén a interxección cámara! (“cámara!, acción!”), funcionando como voz de advertencia do persoal técnico no comezo da rodaxe. Así mesmo, completan o campo léxico da cámara, para alén de todos os termos que nomean os múltiples compoñentes e accesorios do instrumento, as locucións para especificar os diferentes tipos (cámara estable, cámara de animación, cámara autónoma etc.) ou tamén os modos de gravación (cámara rápida, lenta, cámara subxectiva, obxectiva, cámara de enmascaramento etc.)

2

estudio

Local onde se realizan gravacións e emisións de programas de radio ou televisión, rodaxes de películas, gravacións sonoras etc.

Unha das ilusións que constrúe o espectáculo televisivo consiste en facerlle crer ao espectador que observa directamente o que sucede nun lugar determinado, por moi íntimo que este sexa. Isto é posible, en gran medida, grazas á existencia de locais especializados, onde se gravan a maioría dos espazos televisivos que transcorren en interiores. Os estudios, no mundo da televisión, son cuartos especificamente habilitados para a realización de programas, series ou películas, con posibilidades de cambio de escenario así como sistemas de iluminación, de gravación de son etc.

O termo estudio, nesta acepción,  recóllese do inglés studio, para o que varias fontes coinciden en sinalar como data do primeiro uso o ano 1938, precedido das aplicacións no ámbito radiofónico –1922– e cinematográfico –1911–. A  orixe da palabra remontaríase, como tantas outras veces, ao latín, tendo por étimo o substantivo studium -ii, que tiña o significado de ‘cuarto’ ou ‘sala de traballo’, entre outros moitos, así como o de ‘acción de estudar’ e de aí o noso estudo.

Segundo o tipo de programa que se realice neles, distínguense os estudios de directo, destinados ao desenvolvemento de programas televisivos en vivo, e os estudios de gravación, nos que se gravan os programas que serán reproducidos en diferido. En ambos os dous casos, o estudio está dividido en dúas zonas: o plató, que é o espazo no que propiamente se desenvolve o programa, o que vemos os telespectadores, e a sala de control, o lugar onde se mesturan, axustan ou coordinan os sinais do proceso televisivo.

3

canle

Estación de radio ou televisión / Banda de frecuencia na que emite unha estación de radio ou de televisión.

Falando de televisión, o substantivo canle alude, na gran maioría dos casos, á entidade que emite unha programación televisiva, isto é, a canle emprégase como sinónimo de cadea de televisión. Como vemos máis arriba, canda este uso xeral, o Dicionario da Academia recolle dúas acepcións específicas: a canle como estación televisiva ou como banda de frecuencia, o espazo do espectro electromagnético adxudicado a cada grupo emisor.  Tradicionalmente, na chamada televisión analóxica (ou terrestre analóxica), as transmisións facíanse enviando sinais de radio especialmente codificados, procedemento que mudou co tránsito á televisión dixital –completado entre nós en abril de 2010–, onde se utiliza a tecnoloxía dixital para a transmisión do sinal por distintos medios e tamén por ondas terrestres (Televisión Dixital Terrestre).

O termo evolucionou na nosa lingua como unha palabra patrimonial desde o latín canalis -e, ‘cano, tubo’, de onde tamén nos chegou, por vía culta, canal. A forma máis alterada, canle, é o resultado, primeiro, da caída do < n > intervocálico mais a vogal final e, nun segundo momento, da reconstitución da nasal e do < e > como vogal de apoio. Loxicamente, as primeiras acepcións tiñan que ver co sentido etimolóxico, como un leito por onde se conduce a auga ou o suco que fai o arado na terra. Desde aí, desenvolveuse o significado figurado de vía ou medio a través dos que se transmite ou coñece unha cousa. Finalmente, o termo viu ampliado o seu alcance semántico para acoller a referencia aos medios de transmisión de sinais de radio e televisión.

Segundo os contidos que emiten e a audiencia á que se dirixen, as canles poden ser xeneralistas, se programan contidos variados dirixidos a un perfil de espectador non específico, ou temáticas, cando emiten exclusiva ou maioritariamente espazos sobre un asunto concreto ou dun xénero determinado. Á par disto, as canles son públicas ou privadas, dependendo da titularidade e finaciamento; mentres que, segundo a accesibilidade, temos as canles abertas e as de pago.

4

grella de programación

Secuencia de programas que unha emisora de radio ou televisión proxecta distribuír ao longo dun período determinado.

Desde as oito e media do serán ata a medianoite son as horas nas que máis xente ve a televisión. É a franxa de máxima audiencia, polo menos entre nós, porque os hábitos varían en función dos ritmos horarios e os estilos de vida de cada país. Este dato é unha das claves que teñen en conta os programadores das distintas canles á hora de organizar as emisións e asegurar que os contidos se distribúan da mellor maneira posible para conseguir o éxito nas audiencias. A secuencia de programas que resulta deste labor de programación queda disposta a xeito de cadro ou táboa na chamada grella de programación.

Unha grella tradicional é un utensilio formado por unha serie de barras de ferro paralelas, coa función de servir de soporte para alimentos que se poñen a asar sobre as brasas, e por asociación coa forma do instrumento, os significados do substantivo fóronse abrindo de xeito que pode referirse en xeral a calquera diagrama ou táboa onde se represente un conxunto de datos (grella de programación, grella de salarios, de traballadores) e tamén se emprega para chamarlle ao espazo marcado no inicio dunha pista de carreiras, onde se sitúan os participantes (grella de saída). O termo tomámolo do francés grille, onde denominaba un conxunto de barras de ferro ou madeira usadas para pechar unha abertura, pero este procede do latín craticula -ae, diminutivo de cratis -e, de onde a nosa grade.

5

programa

Cada unha das unidades emitidas pola radio ou a televisión, que tratan dun tema determinado.

O substantivo ten a súa orixe na lingua latina polo que o significado etimolóxico queda bastante lonxe da acepción que estamos comentando. No latín tardío, programma -atis empregábase para referirse a unha publicación por escrito ou tamén a algún tipo de anuncio público en forma de cartel.

Se na definición que aparece arriba se sinala que o tema é a clave para identificar un programa como unidade, outras fontes consideran que é o título o que cumpre esta función; en calquera caso, a ninguén se lle escapa que existen, alén destes dous, varios outros factores que actúan como sinais de identidade dun determinado espazo televisivo, como poden ser os presentadores ou colaboradores ou o propio ton con que se tratan os contidos.

En función destes, distínguense así mesmo diferentes tipos de programas, que poden ser de variedades, de testemuños, de telerrealidade, informativos, humorísticos ou musicais, por citar só algúns; agora que, na xerga dos profesionais do medio, adoita empregarse o termo programa para referirse exclusivamente aos que non teñen contido informativo, nin deportivo nin de ficción, polo que unha serie, unha  película, un telexornal ou a retransmisión dun partido non serían propiamente programas para as persoas que traballan na televisión.

6

audiencia

Conxunto de persoas que asiste a un espectáculo ou que atende a un programa de radio ou de televisión.

Na televisión a audiencia é quen manda, ao igual que, polo xeral, en calquera medio de comunicación. Coa masiva popularización do medio televisivo o perfil dos telespectadores multiplicouse e diversificouse enormemente. Os directivos das canles, produtores, programadores e patrocinadores precisan saber como é ese grupo de persoas e como usan a televisión e de aí que existan entidades especializadas en avaliar os segmentos da audiencia en función da idade, a clase social, o nivel cultural, os hábitos de consumo televisivo etc.

Como pode deducirse da forma da palabra, o substantivo audiencia en orixe non remite directamente á visión, antes ben nace da voz latina audientia -ae que para os romanos estaba vinculada co silencio dos ouvintes –asociado co nivel de interese e atención–, pois era o substantivo derivado de audiens -tis, forma do participio presente do verbo audire (oír). Este valor semántico de base está presente nas acepcións do termo máis antigas, como conxunto de persoas que asiste a un espectáculo, recepción que concede unha autoridade a alguén que a solicita ou tribunal de xustiza e sesións en que se desenvolve un proceso, todas elas relacionadas con actividades no que o fundamental é escoitar.

Unha canle (ou un programa) conseguirá ser líder se se impón aos demais na cota de pantalla (que con frecuencia aparece nomeada co anglicismo innecesario share), isto é, na porcentaxe de espectadores que seguen un programa con respecto á totalidade das persoas que están a ver a televisión nese período de tempo. Relacionado con esta, pero cun significado específico propio, está o índice de audiencia que mide a porcentaxe de aparellos de televisión sintonizados cunha canle nunha determinada franxa horaria, en relación ao total de aparellos receptores do territorio analizado.

7

anuncio

Texto, debuxo, foto, imaxe etc., con que se anuncia algo ou alguén, en particular con fins publicitarios.

A televisión é espectáculo e tamén un negocio, unha plataforma idónea para fomentar necesidades e vender produtos. E non só polo seu alcance e influencia senón tamén porque está demostrado que, cando é exposto a unha secuencia rápida de imaxes de cor en movemento, o cerebro se volve moito máis suxestionable. Na actualidade unha boa parte do tempo de programación das cadeas en aberto está dedicado aos anuncios, que poden ser para a autopromoción da canle (adiantando, por exemplo, contidos que se ofrecerán proximamente, cos chamados avances de programación) ou especificamente con fins comerciais.

Alén desta acepción específica dos medios de comunicación, un anuncio é en xeral a acción e efecto de anunciar, un verbo transtitivo (sempre se anuncia algo) que chega a nós como semicultismo desde o latín, onde anuntiare (derivado do clásico nuntiare) tiña idéntico significado.

Os datos das audiencias son moi importantes para os posibles anunciantes, de xeito que se establecen clasificacións dos programas segundo os índices que acadaron e as empresas con maior poder económico poderán pagar por incluíren os seus anuncios na franxa de máxima audiencia e nos programas estrela, sendo esta a principal fonte de ingresos das cadeas que non contan co finaciamento público. Existe unha normativa común europea para evitar abusos na publicidade televisiva, pola que se renstrinxe o tempo (non máis de doce minutos por cada hora de emisión) e tamén as prácticas (publicidade enganosa) e mais determinados produtos (alcohol, tabaco etc.).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir