Alicia, en sete palabras marabillosas

As aventuras de Alicia no País das Marabillas é unha historia underground, non porque a nena ande metida en ambientes marxinais, senón porque todo o conto se desenvolve baixo terra, no terreo do imaxinario onde todo é posible, pois nese espazo quedan en suspenso as leis da lóxica, e mesmo da física, que rexen no mundo da superficie.
En 1865 –logo dunha primeira edición manuscrita– saíu do prelo o orixinal Alice’s Adventures in Wonderland, escrito por un diácono anglicano que se presentaba baixo o pseudónimo de Lewis Carroll e que, para alén de ao oficio relixioso e á escrita literaria, tamén se dedicaba profesionalmente á fotografía e era un experto matemático e lóxico. Parece ser que a intención primeira de Charles Lutwidge Dodgson –o seu nome real– non ía moito máis aló de compoñer unha historia que lles servise de enredo a unhas nenas, tres irmás fillas duns amigos seus, coas que adoitaba saír de excursión; durante unha viaxe en barca polo Támesis, o home comezou a contarlles as aventuras dunha nena nun mundo de fantasía baixo a terra e Alice Liddell –na que logo se inspirou o personaxe da protagonista– e mais as súas irmás quedaron tan fascinadas que Dodgson decidiu desenvolver a narración e poñela por escrito. No seu diario, o autor deixou constancia de como foi engadindo capítulos ao núcleo orixinal ata chegar aos doce da versión definitiva, que incluía ademais unha dedicatoria en forma de poema para a pequena Alice e mais un feixe de ilustracións feitas polo propio autor.

Máis de 150 anos que van aló, e non minguou a fascinación por Alicia e fixéronse innúmeras traducións, adaptacións e versións, ata o punto de estar considerado un dos libros con maior impacto na cultura mundial, un best-séller eterno para lectores de todas as idades, que queremos lembrar con estas sete palabras e tamén coas ilustracións, creadas sobre as que John Tenniel fixo para a primeira edición do libro.

1

tobo

Burato que fan debaixo da terra certos animais para viviren ou refuxiárense nel.

O coello branco
O Coello Branco sempre apurado

Do paso estreito con que se abren estas goridas baixo terra probablemente proveña o nome de tobo (e os sinónimos derivados toba, tobal ou tobeira, todos eles menos frecuentes nos textos), por asociación coa forma dun tubo, a partir do latín tubus, -i, co mesmo significado. Sucede con moitos animais –especialmente os mamíferos insectívoros– que prefiren construír as súas vivendas por abaixo da superficie terrestre, xa que con isto evitan moitos depredadores, para alén de estaren mellor protexidos contra as inclemencias do tempo e teren máis de man certos bechiños apetecibles.

Cando Alicia dá en seguir o Coello Branco, vestido con chaleque e reloxo de peto, e decide meterse atrás del polo burato do tobo, por onde primeiro pasa é por unha especie de túnel estreito, que no libro se di que é en liña recta, pero que máis adiante se torce bruscamente cara abaixo, a xeito de pozo subterráneo, levando a nena nunha caída que semella non ter fin.

2

narguilé

Pipa oriental, co tubo longo e flexible e provista dun recipiente con auga perfumada polo que pasa o fume antes de ser aspirado.

A Eiruga e o Narguilé
A Eiruga Azul fumando o narguilé

O acento agudo desta palabra, acorde coa nosa pauta entoativa común, débese seguramente á pegada da lingua que lle serviu de transmisora, o francés, a partir do persa, onde se localiza o étimo do nome desta pipa, creado sobre o substantivo nargil, que na lingua de orixe serve para chamarlle ao coco, cuxa casca se aproveitaba para fabricar as bases dos primeiros narguilés. Malia que nalgúns vocabularios se presenta como sinónimo de cachimba, o narguilé é máis concretamente un tipo específico, tal e como se deduce da definición do Dicionario.

Se o Coello Branco sempre leva présa, a Eiruga Azul porén pasa a vida sentada nun cogomelo xigante, fumando o seu misterioso narguilé. Parece que neste hábito do anélido –cómpre lembrar que no tempo de Carroll fumar opio era algo común e tolerado en Inglaterra– está a explicación do ritmo ralentizado e o mal xenio que caracterizan este personaxe, ben que tamén o ton transcendente e concentrado da conversa que mantén coa pequena Alicia.

3

sombreiro

Peza de vestir que se pon na cabeza para cubrila ou adornala, que pode ser de diversas feituras e de diversos materiais, como palla, feltro etc.

O sombreireiro
O Sombreireiro tolo

Ben que un sombreiro pode ser un enfeite, parece que o mellor aproveitamento lle vén por servir para tornar o sol, e de aí tamén o seu nome, partindo do substantivo sombra, que moi probablemente estea ligado ao latino umbra, -ae, en referencia á sombra producida por un corpo interposto entre a luz e a Terra. No < s > inicial, algúns queren ver unha analoxía con sol, dada a frecuente asociación entre os dous termos opostos, pero máis probable é que sexa o resultado da secuencia recorrente no latín falado de sub umbra, ‘baixo a sombra’, con caída posterior do < b > intervocálico e crase das dúas vogais.

Na aventura de Alicia, o Sombreireiro é caracterizado repetidamente como tolo polo resto dos personaxes, o que ten bastante mérito tendo en conta o nivel de extravagancia de todos eles. Parece que o vínculo entre a tolemia e os sombreiros ía moito máis alá do xogo literario, xa que non era raro que na época vitoriana os fabricantes das sombreirarías acabasen intoxicados polas emanacións de mercurio no seu traballo.

4

cróquet

Xogo de orixe irlandesa que consiste en facer pasar unha bóla de madeira por uns arcos cravados no chan formando un percorrido, empurrándoa cun mazo.

Flamengo no colo de Alicia
Alicia co flamengo e dous ourizos

Este anglicismo (croquet), ten a súa fonte primeira no francés antigo croc, vocábulo empregado para designar unha sorte de vara coa punta en curva, ao xeito dun gancho, e que se asociou co xogo precisamente pola curvatura do taco con que rematan os mazos que se empregan para pasar as bólas polos arcos de ferro, facendo o circuíto. Entre nós, malia que o termo non figura como entrada no Dicionario, é razoable supoñer unha adaptación conforme o criterio seguido na maior parte dos estranxeirismos, a saber, mantendo a grafía da voz orixinal, só que marcando graficamente a acentuación que lle corresponde á hora de realizalo no noso idioma polo que cróquet leva acento na primeira sílaba.

Logo da súa popularización, o cróquet pasou a ser un xogo patrimonial en moitos lugares, e tamén nas nosas lindes conta cunha certa tradición, de xeito que aparece incluído no currículo de materias dedicadas aos xogos populares no ensino universitario. Nas súas orixes irlandesas, a comezos do século XIX, o cróquet era un pasatempo, propio das clases altas, e tamén foi a aristocracia a primeira en adoptalo como xeito de enredar, cando foi levado a Inglaterra en 1850. Co tempo, o xogo fíxose popular entre os cativos, e así mesmo foi desenvolvendo unha face máis profesional e competitiva, concursando como deporte olímpico en París en 1900.

Na versión marabillosa de Carroll, os icónicos paus son substituídos por flamengos, mentres que no canto de bólas se usan ourizos que deben cruzar arcos de naipes, co cal o xogo se complica considerablemente, xa que resulta bastante difícil para todos os participantes termar dos animais.

5

sorriso

Acción de sorrir e xesto que se fai ao sorrir.

Gato de Chesire
O gato de Cheshire

Para chamarlle ao acto de rir sen facer ruído, realizando  apenas un leve movemento cos labios, os romanos crearon un verbo que na súa mesma forma é moi descritivo, xuntando o prefixo sub-, que achega nesta palabra un dos seus valores máis característicos, ‘por baixo de’, co infinitivo ridere, que chegou ata nós como rir. Derivado do verbo, dáse xa no latín o substantivo subrisus, de onde  o noso sorriso, unha palabra que se ben é propia e presente desde antigo na lingua, viu medrar a súa popularidade nos textos significativamente a partir da década dos oitenta.

Certamente, cando sorrimos poñémonos simbolicamente nun nivel anterior ao riso aberto e ostentoso, a gargallada, prescindindo da manifestación sonora da alegría para quedar nada máis que co aceno, máis comedido, e que tamén serve de expresión doutros sentimentos como o benestar, a tenrura ou a complacencia.

No caso do icónico gato de Cheshire de Alicia, o sorriso supón case a expresión do seu mesmo ser e identidade, ata o punto de que en ocasións é o único que queda visible del, desaparecendo o resto do corpo baixo o aceno, como cando é condenado pola Raíña de Corazóns a ser decapitado, e o felino alega que non se pode executar a sentenza xa que non é posible cortarlle a cabeza a alguén que só conserva esta parte da súa anatomía.

6

grifón

Animal fabuloso da mitoloxía antiga co corpo de león e a cabeza e as ás de aguia.

Naipe
O Grifón e a Falsa Tartaruga

A través do latín gryphus chega ata nós o nome do grifón, que ten a súa orixe na lingua helena, en concreto no termo grúps, -upós, creado polos gregos para darlle nome a un paxaro fabuloso, mestura de aguia e león, do que algúns pensan que puido inspirarse nos fósiles dun tipo de dinosauro bicudo, de longa cola e pezuños, moi numeroso nos desertos de Asia Central, especialmente en Mongolia.

A figura desta criatura, símbolo da forza e tamén da agresividade, empregouse como ornamento tanto en libros coma en esculturas e edificacións, particularmente no período medieval, por exemplo en varios capiteis da catedral de Santiago, e tamén noutras igrexas por todo o país. En determinadas zonas, era común que os grifóns fosen o adorno con que se embelecían os canos das fontes, polo que nalgunhas linguas a palabra pasou a denominar, por metonimia, ben toda a construción (por exemplo, o francés griffon), ben o cano con chave por onde pasa o líquido, entre nós, billa.

No conto de Alicia, o Grifón exerce, por mandato da Raíña de corazóns, como transportador da nena.  A todos os animais que habitan o País das Marabillas se lles dá un tratamento imaxinario, tanto polas súas calidades, xa que teñen a capacidade da fala e o pensamento, coma tamén polas súas funcións ou mesmo pola aparencia; tal é o caso do Grifón e tamén da Falsa Tartaruga, mesturas de dúas especies, ao xeito típico dos animais da mitoloxía clásica, que logo se popularizaron a través dos bestiarios medievais, o mesmo que hoxe en día aparecen en numerosos videoxogos e xogos de rol de fantasía.

7

naipe

Cada unha das cartolinas con forma rectangular e figuras pintadas que compoñen a baralla.

Naipe
O Rei de corazóns e outros naipes

Árabe, francés, éuscaro, latín… a orixe da palabra naipe non é doada de delimitar, o mesmo que o país de procedencia dos xogos de cartas. A maior parte dos especialistas decántanse por un étimo catalán, naíp, e este quizais dunha forma árabe difícil de precisar. Unha opción é que estivese relacionada con maíb, ‘censurable’, o que se explicaría polo feito de que naquela altura o xogo da baralla era unha actividade pouco recomendable, sobre todo polos ambientes aos que se asociaba, de feito, un dos rexistros máis antigos do xogo que temos en territorio europeo é un documento oficial catalán de 1310, onde se prohibía a súa práctica. Outra posibilidade é que se asocie a naíb, ‘representante’, o que tampouco non sería un disparate xa que está demostrado que algunhas das primeiras barallas que se coñecen incluían o personaxe do vicerrei, ou sexa, o representante do rei, para o que en árabe se empregaba este substantivo.

No País das Marabillas as cartas da baralla teñen vida propia e son personaxes da historia, o mesmo que a nena protagonista ou os animais parlantes. Nas ilustracións orixinais do autor, vese un exército completo de naipes, ao servizo da Raíña e o Rei de Corazóns, e tamén no capítulo final podemos asistir a un xuízo, onde Alicia participa como testemuña, no que a acusada é a Sota de Corazóns.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir