As palabras de Filgueira Valverde

Filgueira Valverde era coñecido en Pontevedra como o vello profesor. Os seus alumnos din que era un chisco atípico e que iso se debía seguramente ao seu moito coñecemento sobre os temas máis dispares, difícil de conter nos cincuenta e pico minutos dunha clase. Comezou facendo investigación sobre a literatura, a lingua e as artes de noso e logo, na súa madurez, exerceu como catedrático e estivo na cabeceira das principais institucións culturais, foi propulsor do Seminario de Estudos Galegos, traballou no Instituto Padre Sarmiento, presidiu o Consello da Cultura, foi membro da RAG e do ILG e director do Museo de Pontevedra, alén de escritor, editor e colaborador habitual da prensa periódica.

De todas as facetas que se lle poden atribuír ao protagonista do Día das Letras 2015, a máis significativa para o Portal das Palabras é o seu traballo lexicográfico, un campo onde fixo achegas decisivas. El foi quen descubriu o primeiro vocabulario do noso idioma, elaborado por volta de 1536 por un erudito zamorano, apelidado Olea, que o deixara escrito entre as páxinas dun volume sobre xeografía de Ptolomeo, baixo o título de Vocábulos gallegos escuros. Lo que quieren dezir. Sobre o seu achado, que adiantou nada menos que en dous séculos a data de inicio para a lexicografía da nosa lingua, Filgueira preparou un estudo introdutorio onde, ademais dunha detallada biografía do autor, achega comentarios filolóxicos dalgunhas palabras, ao tempo que informa doutras anotacións curiosas sobre a Galicia do século XVI, que aparecen nas marxes do manuscrito. Publicouno nos Cuadernos de Estudios Gallegos, en 1947, e logo del, varios traballos doutros especialistas, entre os que destacan os levados a termo por Pensado Tomé ou Mariño Paz, seguiron tirando da descuberta de Filgueira valiosa información para a historia do noso léxico.

Dese manuscrito orixinal, escollemos sete palabras, entre as 156 rexistradas. Algunhas por ser a primeira vez que se documentan, outras porque xa se perderon na lingua de hoxe en día e varias por todo o contrario, por se manteren vivas aínda que transformadas. Pola razón que for, cremos que todas merecen figurar neste Setestrelo elaborado para o Día das nosas Letras.

1

adra

"Partilla"

As primeiras documentacións datan da segunda metade do século XIII, polo que non cabe dúbida de que se trata dunha forma propia, presente desde as orixes do noso idioma.

 

Porén, deciden non incluíla nos seus dicionarios, no século XVIII, Sarmiento e Sobreira, probablemente porque naquela altura adra xa non tiña presenza regular na fala, o que tamén puido avivecer a falsa idea de considerala unha palabra allea. Sexa como for, adra si está presente no primeiro Dicionario da Academia (publicado por entregas entre 1913-1928), co significado de ‘parte que lle corresponde a un veciño na división do monte común’, coincidindo co sentido básico da tradución de Olea,  partija (partilla), que se asocia principalmente co repartimento da herdanza. Incide neste concepto, un dos poucos exemplos rexistrados na lingua actual, concretamente nunha obra de 2007 sobre Usos, costumes e cousas do Courel, onde adra se interpreta como voz dialectal e o autor aclara que “o souto dividíase en adras, que eran unhas porcións de souto con nome diferente (…)”.

 

Por esta razón, os especialistas cren que adra puido formarse a partir do árabe ad-dara, ‘a vez’, onde se aprecia a noción de ‘repartición’, tamén presente no antigo verbo adrar –vivo hoxe en día no aragonés– que tiña a acepción de ‘repartir algo’.

2

azarellas

"Vestido de manta"

Na primeiro Dicionario da Academia, quedou rexistrada esta palabra e mais a súa variante azarela, destacando que para a época -isto é, nas primeiras décadas do XX- o seu significado era difícil de precisar, ao tratarse dunha forma fóra de circulación na fala común. Por esta razón, atribúeselle un valor suposto como ‘peza de roupa de aseo ou da cama’, o que coincide cos exemplos que se documentan en textos notariais da zona de Negreira, do ano 1474, nos que se utiliza como sinónimo de manta para a cama.

 

A definición que dá Olea tampouco é doada de interpretar, xa que “vestido de manta” podería referirse tanto a unha peza coma a un tipo de tecido, semellante ao que podía ter unha manta para a cama. De ser isto último, coincidiría con unha das orixes que se lle atribúen, como variante de zarello, unha palabra presente xa nas Cantigas de Santa María de Afonso X con este significado.

 

Se ben azarellas pode considerarse extinta, chegan ata hoxe outros derivados como cerello, xa documentado en textos medievais de noso, pero neste caso cun valor semántico equivalente ao de farrapo, zarapallo ou zarangallo.

3

cabarca

"É valado de pedra"

No concello de Ribas de Sil, en Lugo, atópase unha aldea chamada Cabarca. Sen saír da provincia, en Mondoñedo, existen outros dous lugares co nome de Cabarcos, que tamén aparece como topónimo na zona do Bierzo, en León. A toponimia foi o ámbito de supervivencia para esta palabra que, non obstante, non conta cun uso regular na lingua moderna como substantivo común.

 

Nos dicionarios históricos, aparece baixo a grafía cavarca, considerada por Eladio Rodríguez e Franco Grande, entre os anos 60 e 70, que lle atribúen o significado de ‘linde entre leiras’, mentres que noutros manuais a presentan como un sinónimo menos recomendable da voz gabia, a abertura que se fai nun terreo con diferentes finalidades, entre delas a de levantar un valado, polo que se relaciona co valor antedito e mais co que se recolle nos Vocábulos escuros.

 

Olea deixa constancia da cabarca como sinónimo de cómaro, que si é unha forma viva e recollida con regularidade nos dicionarios desde o século XVIII. Con todo, as acepcións que se manexan na actualidade para cómaro (“franxa de terreo sen cultivar que bordea unha leira” e mais “pequena elevación de terreo de pouca extensión”) non coinciden exactamente co “valado de pedra” proposto por Olea. En calquera caso, todos tres remiten ao concepto de ‘límite’ ou ‘bordo’, o que cadra coa etimoloxía máis probable, a saber, dunha suposta forma prerromana kommero-, ‘marxe’.

4

charro

"Louco, necio"

Que o bacharel Olea incluíse esta palabra entre os seus Vocábulos escuros é indicio de que, a comezos do XVI, era descoñecida para o castelán, en concreto para a lingua falada na zona de Salamanca, onde Olea cursou parte dos seus estudos, e que na actualidade se coñece curiosamente por “Terra de charros”, cun significado xa totalmente transformado, no que se perdeu calquera connotación negativa para pasar a designar un habitante do campo, e en concreto, como xentilicio, do campo de Salamanca.

 

Disto despréndese que o cualificativo charro (documentado por primeira vez nos Vocábulos) probablemente se orixinou no romance galego-portugués e despois pasou, principalmente grazas aos estudantes ou emigrantes galegos ou portugueses en terras de León, para o centro da Península, transformando asemade neste devir o seu significado e tamén o rexistro de uso, xa que de ser voz literaria pasou a empregarse case exclusivamente no ámbito coloquial ou familiar.

 

O sentido orixinario déixase ver no seguinte refrán da nosa tradición oral: Dios nos día con que riamos e non seian fillos charros, do que xa queda constancia por escrito a mediados do XVI. Despois dos chamados Séculos Escuros, cando a nosa lingua comeza a recuperarse para a escrita literaria e tamén nos traballos lexicográficos, a voz charro xa se considera falsamente castelá, e iso axudou seguramente para que non sobrevivise, non sendo a través do probable derivado charrúa, na acepción referida ao personaxe de Entroido típico de Allariz.

5

xendra

"Natio como de árbore"

Nos Vocábulos escuros é a primeira vez que queda constancia para o noso idioma desta palabra, que probablemente se orixine no substantivo latino genus, generis -máis concretamente na súa forma de plural neutro, genera– cuxo significado para os romanos era o de ‘estirpe’, ‘proxenie’ ou ‘descendencia’. Como semicultismo, a mudanza formal do termo consiste en engadir un <d> en posición media, que contrasta co que se observa noutras palabras da mesma orixe máis tradicionais, como xerar ou mesmo xenreira.

 

O sentido etimolóxico de xendra está presente na atribución que fai Carré, o primeiro lexicógrafo contemporáneo que a rexistra como entrada na terceira edición do seu dicionario, de 1951, onde a propón como equivalente de brote e relacionada con xeno. Segundo isto, unha xendra é un pequeno botón que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que dá lugar a novas pólas, follas ou flores, como describe o DRAG para os sinónimos abrocho, bota, botón, rebento ou xema. Esta liña de interpretación bota luz sobre a explicación que fai o graduado Olea, xa que se pode considerar que o “como de árbore” non se trata dunha construción comparativa senón dunha variante de gomo.

6

esmecho

"Descalabro"

Malia que esta palabra non figura como entrada no DRAG, si que se pode consultar o infinitivo esmechar, que aparece definido como “ferir na cabeza cunha pedra ou un pau”, na súa acepción transitiva: “Tan alterado estaba que quería esmechar o veciño con aquel caxato”. A orixe deste verbo non foi aínda definitivamente resolta, emporiso pénsase que podería resultar de engadirlle un prefixo es– a un derivado do substantivo mecha –que chegou a nós polo francés mèche–, quizais porque se asocia a acción de lesionar alguén na cabeza co feito de provocar que perda unha parte do seu pelo.

 

A partir da forma verbal devandita, a lingua dótase de dous substantivos posibles para expresar o resultado da agresión, isto é, a ferida na cabeza producida cunha pedra ou cun pau, a saber, esmecho e mais esmechada. A variante recollida polo graduado Olea, esmecho, tivo moi escasa presenza na escrita, de feito, logo dos Vocábulos escuros, non é ata a segunda metade do século XX que se volve dar noticia dela nas obras de lexicografía. Pola contra, esmechada xa foi escollida por Sarmiento, no século XVIII, e desde aquela contou cunha presenza bastante regular nos dicionarios, se ben isto non se reflectiu nos usos escritos, onde o emprego máis habitual de esmechar corresponde á segunda das acepcións do Dicionario, referida ao Sol cando quenta moito.

7

mioto

"Milano"

Pola equivalencia que sinala o bacharel Olea, pódese interpretar sen dificultade que a voz mioto existía na  época para designar a “ave de rapina diúrna da orde dos accipiteriformes, da que existen varias especies, de tamaño mediano ou grande e de cores pardas escuras ou arrubiadas”, para a que hoxe en día están vivos no noso territorio lingüístico diferentes nomes, como bexato, lamego ou lamote, e tamén miñato ou mesmo miato, que se recolle no Dicionario, se ben aparece marcado como forma menos recomendable.

 

A partir do latín vulgar milanum, e este do clásico milvus –presente no nome científico da especie, Milvus milvus– acaban aparecendo as dúas últimas denominacións da ave citadas, así como a variante mioto, recollida por Olea, á que é de lóxica supoñerlle unha orixe idéntica e que tamén foi escollida por Sobreira para figurar como entrada no seu dicionario do XVIII, mentres que Sarmiento só menciona miñoto, viva hoxe no portugués canda milhafre e milhano.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir