As palabras menos usadas

Se nos preguntasen cales son as palabras que máis utilizamos, probablemente responderiamos que algúns substantivos como casa, tempo, día ou vida, os verbos do tipo ser, estar, haber, ir e mais o conxunto de pronomes, artigos, certas conxuncións etc.

Mais, e se nos interrogasen polas menos empregadas? A pregunta é moi complicada, case imposible de contestar, xa que o que non se usa é moi difícil telo presente. Pero existe un lugar onde os termos menos utilizados teñen unha posición de seu: os córpora e dicionarios de frecuencias. A eles acudimos para escoller sete palabras curiosas e representativas dun vocabulario que ten serias posibilidades de rematar no máis profundo esquecemento.
 

 

1

fustán

Tecido groso de algodón, natural ou sintético, cunha cara afelpada e a outra lisa

Na tradución que Antón Santamarina fixo en 1987 do clásico de C. Collodi, As aventuras de Pinocchio, atopamos un dos escasos exemplos de uso desta palabra: “¡Paciencia! -exclamou Geppetto ó momento, poñéndose de pé; e despois de vestida a vella casaca de fustán, toda tacóns e cosidos, saíu correndo da casa.”

A orixe etimolóxica de fustán é controvertida: hai quen a recoñece no latín medieval fustaneum, 'algodón', que procedería á súa vez do clásico fustis, ‘pau, madeira’, en alusión á orixe vexetal do tecido. Outra hipótese é que derive do topónimo hispano-árabe Fustat, un suburbio do Cairo onde se fabricaría este tipo de tea, ou ben do árabe antigo fussat, 'tenda de tecido de algodón’, que partindo da variante fustat se adapataría ao latín como fustani para designar calquera 'tecido de algodón'. Desde aí evolucionaría nas distintas linguas romances, onde o termo non presenta moita variación: desde o portugués fustão, o catalán fustany, o castelán fustán, ata o italiano fustagno ou o francés futaine.
 

2

parataxe

Unión de palabras, frases ou oracións entre as que non hai relación de dependencia ou que realizan unha mesma función

O étimo desta palabra atopámolo no grego parataksis, onde ten o significado de 'coordinación'. En efecto, estamos ante dúas palabras sinónimas en certos contextos, se ben coordinación é de uso bastante máis frecuente ao ter un campo de significado máis aberto, isto é, contar con máis acepcións. Tratándose dun tecnolecto, o uso de parataxe, ou o seu adxectivo derivado paratáctico, está restrinxido en principio ao ámbito especializado da lingüística, e máis en concreto aínda ao campo da gramática. Daquela, podemos dicir que “Hai coordinación entre o equipo de traballo” pero sería inadecuado falar de parataxe neste caso.

Como acontece en xeral coas palabras cultas, a forma correcta de pronunciar parataxe esas poucas veces que a empreguemos na lingua oral é realizando o <x> como grupo consonántico /ks/, ou sexa, do mesmo xeito que o facemos en exame, sexo ou exceso.
 

 

3

escantillón

Instrumento que se emprega para trazar os contornos ou as dimensións das pezas que se van cortar ou traballar

Escantillón é unha denominación xenérica para un instrumento que pode empregarse en traballos de carpintaría, para fabricar zapatos ou mesmo campás. E, dependendo do que se queira fabricar, a súa forma cambia porque o que en realidade define esta ferramenta é que serve para que poidamos obter dous obxectos iguais.

A etimoloxía de escantillón vén do francés antigo eschandillón que procede do latín popular scandaculum, e este do latín clásico scandere, que tiña o significado de ‘medir, subir’. A mesma orixe atopámola detrás do termo escandallo, unha palabra que coñecen ben os mariñeiros, xa que é un instrumento que se emprega para sondar a profundidade do mar ou dun río, é dicir, un aparello que tamén serve para medir. Neste caso, proviría da evolución do termo orixinario latino cara á forma documentada no provenzal eschandil ou escandalh, ‘medida de capacidade’.
 

4

aluaxe

Acción e efecto de aluar, pousarse unha nave espacial na superficie da Lúa

Temos na memoria colectiva as imaxes do astronauta Neil Armstrong, do Apolo XI, sendo o primeiro home a pousar os pés na Lúa. Era un vello devezo do xénero humano como demostra a inxente cantidade de obras literarias, películas, cancións e outras manifestacións culturais dedicadas ao tema, o que fai máis curioso que o termo aluaxe estea tan pouco representado nos nosos corpus lingüísticos.

Aluaxe é para as naves espaciais cando chegan á Lúa o que para os avións é a aterraxe ao pousaren en terra cando entran no aeroporto. A súa formación a partir do verbo aluar, derivado do substantivo lúa (en latín luna), segue na nosa lingua o mesmo modelo ca noutros romances, como o italiano allunaggio ou o portugués alunagem.
 

5

cibaco

Comida que levan as aves no peteiro para alimentar as crías

“Tes que os sacar do niño cando os pais -ben o paxaro ou a paxara- están perto para que te vexan e te sigan logo para ver onde lles pós o fillo. Entón din que si, que eles mesmos lle levan o cibaco.”

Neste texto de Fernández Ferreiro (A ceo aberto, 1981) cibaco é a comida para as crías dos paxaros, que tamén pode chamarse bicada, biscallo ou cigallada. De entre eles, o termo máis común é bicada, do que temos os verbos derivados embicar e abicadar, co significado de “darlles de comer os paxaros ás súas crías” ou tamén “dar de comer a alguén que non pode facelo pola súa man”, ou sexa, “poñer a comida no bico de alguén”.

Como extensión deste primeiro significado, cibaco tamén pode chamárselle a unha “porción pequena de algo”, ou o que é o mesmo, un chisco ou unha chisca, que son máis habituais no galego estándar.

A etimoloxía de cibaco, e o seu sinómino ciballo,  remítenos ao latín cibus que significaba ‘alimento, manxar’ e do que deriva directamente a palabra cebo, a comida ou substancia que se pon no anzol, nunha trampa etc., para pescar ou cazar.
 

6

xabardo

Enxame pequeno

Atopamos un texto da zona eonaviega que explica moi ben o uso deste termo:

“Ás veces sale un segundo enxame, el xabardo    , i einda pode salir un terceiro, un xabardín”. (Notas etnolingüísticas del Conceyo da Veiga, Fernández Vior, José Antonio, Editorial Xeira, A Caridá, 1997)

A orixe etimolóxica desta palabra é controvertida. Algúns autores derívana do portugués javardo que na actualidade significa ‘xabaril’, e que era a forma de chamarlles orixinariamente ás crías do mesmo pero, por extensión semántica, pasaría a denominar os enxames pequenos que se refuxian nunha colmea apartada.

Outros investigadores relaciónana co verbo xebrar (do latín, ex separare), co significado de “separarse unha persoa, animal ou cousa doutra ou doutras coas que está”.

Tamén hai veces que se emprega xabardo cun significado metafórico:

“Desde a ría de Vigo enxérganse prodixiosas aparicións que permiten crer de novo que a natureza resiste como un continuo xabardo de sorpresas.” (O Correo Galego, 22-5-2002)
 

7

barcaxe

Barcada/ Prezo que se paga por transportar mercadorías ou cruzar o río en barca

Este termo deriva do substantivo barca ao que se lle engade o sufixo –axe.

Hai tempo que ninguén paga por cruzar un río nunha barca, e para referirnos ao cargamento que transporta unha embarcación ou ao prezo pagado por tal motivo utilízase máis a palabra frete, que procede do neerlandés vrecht ou vracht, ‘prezo do transporte’

A falecida Olga Gallego Domínguez, nomeada numeraria da RAG en 1986, fixo o seu discurso de ingreso na Academia co título de As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime.

Como os tempos cambiaron e os medios de transporte tamén, é normal que termos coma este vaian caendo en desuso, pois para pagar xa nos chegan as peaxes das autoestradas, palabra ben utilizada no país e odiada por quen temos que circular por elas.
 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir