As palabras que máis mandan

Entendemos a democracia como aquela forma de goberno na que o pobo participa elixindo os seus representantes e entre as accións levadas a cabo polas Nacións Unidas coa finalidade de promovela está a declaración do 15 de setembro como Día internacional da democracia, que o citado organismo considera unha aspiración universal.

A palabra democracia, malia chegar ata nós a través do latín, orixinouse en Grecia, considerada o berce desta maneira que temos de nos organizar. Como é sabido, componse dos elementos demos ‘pobo’ e kratos ‘poder’. E o caso é que nos gusta mandar, ou iso parece, polo menos á vista das distintas palabras que temos nas que se utiliza o segundo destes elementos. Imos revisar unhas cantas para descubrir quen manda en cada sitio e, ao seren taxadas, pode faltar algunha. En concreto pódese botar de menos “galegocracia”, aínda que se nos dades tempo….

1

autocracia

Sistema político en que os poderes se concentran nunha soa persoa, que goberna con autoridade ilimitada e segundo a súa vontade.

Neste caso, o elemento que entra na formación con kratos é autos ‘por si mesmo’, así que o autócrata será o que goberna por si mesmo, o que vén sendo que manda un só e por riba non hai quen lle tusa.
 
O exemplo típico que se dá de autocracia é a dos tsares de Rusia, que ataban e desataban atendendo unicamente o seu criterio e expresaban a súa vontade a través dos ucases. Pódese pensar que os monarcas do Antigo Réxime facían outro tanto, pero, por moito que o rei Sol dixese que o Estado era el, parece ser que tiñan algún respecto polas tradicións ou costumes, cando non polas leis ou os parlamentos.
 
Vendo como acabaron os últimos representantes desde tipo de goberno, podemos pensar que o de mandar tanto non debe ser moi bo.
2

aristocracia

Forma de goberno en que a nobreza exerce o poder.

Hoxe, se nos falan de aristocracia, o que nos vén á cabeza é unha clase social ben situada na escala social, pero nun principio o sentido desta palabra era diferente. Se ben acabou entendéndose por aristocracia o goberno exercido polos nobres, a primeira parte do termo, aristos, achegaba o sentido de ‘o mellor’ e así o entendía Platón, para quen a aristocracia era ‘o goberno dos mellores’.
 
Aristóteles, poñendo a énfase na cantidade dos gobernantes, dicía que era ‘o gobernos dos poucos’, que se opoñía, por unha banda á monarquía, na que mandaba un só,e pola outra, á democracia, na que mandaban os máis.
 
Pero ollo, porque fosen poucos tiñan que atender ao beneficio da colectividade, xa que, en caso contrario, trataríase xa dunha oligarquía, que representaba, para os antigos gregos, a forma corrompida da aristocracia.
3

plutocracia

Forma de goberno na que a clase capitalista detén o poder.

Neste caso, o poder xúntase cos cartos, que é o sentido que tiña o elemento ploutos ‘riqueza’, o nome, en grego antigo, do deus das riquezas.
 
Ocorre que é doado que a aristocracia derive en plutocracia, que foi o que ocorreu na antiga Grecia, onde os que se consideraban escollidos acabaron acumulando posesións. Ou en Roma, onde da unión dos patricios cos plebeos adiñeirados, xurdiu a nova nobreza que dominou os últimos tempos da república.
 
Pero non consideremos que a plutocracia é só algo da antigüidade, senón que é unha opinión estendida que a democracia pode devir en plutocracia se o que atenden os gobernantes son os intereses do capital e a iso chégase, fundamentalmente, por dúas vías: que apoiaran economicamente o partido que chega ao goberno, que tería que favorecelos logo desde o poder, ou, máis sutilmente, mediante o control dos medios de comunicación, que inciden decisivamente na sociedade.
4

tecnocracia

Sistema de goberno no que teñen o poder os tecnócratas.

O que ocorre na tecnocracia é que se deixa o poder nas mans dos tecnócratas, e estes defínense como aqueles que, no exercicio do seu cargo, fan prevalecer as cuestións técnicas ou económicas sobre as sociais ou humanas.
 
Neste vocábulo, o que se combina con kratos é a forma tekhne ‘arte, ciencia, saber’, de tal xeito que a quen se lle entrega a vara de mandar é aos técnicos, aos expertos nos distintos ámbitos do goberno agardando deles, ante todo, bos resultados económicos, poñendo as consideracións científicas ou técnicas por diante das ideolóxicas, se ben sobre a cuestión de se a tecnocracia supón a superación de calquera ideoloxía ou vén sendo unha postura ideolóxica máis non hai acordo.
5

teocracia

Goberno exercido pola clase sacerdotal, considerada representante de Deus na Terra.

Entendida de xeito literal, a teocracia sería o goberno de Deus, que é o significado do primeiro elemento, theos, pero o que ocorre neste caso é que os que levan o temón rexen a parte terreal e a espiritual do pobo a un tempo, é dicir, que conflúen na mesma persoa a autoridade gobernamental e a relixiosa.
 
É evidente que os preceptos relixiosos van ter un peso enorme nas directrices políticas, o que non é de estrañar tendo en conta que a autoridade política se considera emanada directamente de Deus e os que a levan a cabo, como non podía ser doutro xeito, son ministros de Deus.
 
Exemplos ao longo da historia hai moitos e de diversos tipos, desde os faraóns de Exipto aos reis de Inglaterra, pero, sen retrocedermos no tempo, temos casos como o da Cidade do Vaticano, onde manda o papa ou o de Irán onde, malia celebraren eleccións, o clero ten a última palabra.
6

xerontocracia

Goberno exercido por anciáns.

Dise popularmente que sabe máis o demo por vello ca por demo, o que resume a opinión, comunmente aceptada, de que a experiencia que dan os anos é unha forma de sabedoría que merece ser tida en conta. De acordo con isto, tradicionalmente, o ancián máis vello dunha casa era o patrucio ou cabo de casa, respectado e obedecido por todos os membros da familia, é dicir, o que lle poñía o rabo ás cereixas.
 
Se este mando excede o ámbito familiar e pasa a afectar a unha institución ou comunidade, estaremos diante dun caso de xerontocracia, onde o poder é exercido polos anciáns, como nos indica o elemento grego gerontos ‘ancián’, que en galego adopta a forma xeronto-.
 
Pode pasar que se chegue a esta situación sen que se buscase expresamente cando os líderes se manteñen tanto tempo no poder que chegan a anciáns exercéndoo ou cando os máis novos, polas razóns que sexa, non participan no goberno, o cal supón, se ben estabilidade, tamén, como é lóxico, debilitación e inmobilismo.
7

acracia

Estado social caracterizado pola carencia de autoridade.

Xa que mandar e facelo ben non parece tarefa doada, hai quen prefire que non mande ninguén, é dicir, opta pola acracia. E, para expresalo, engadíuselle a kratos o prefixo de sentido negativo a-, tan frecuente en cantidade de palabras.
 
En xeral considérase que acracia e anarquía son o mesmo, pero parece que fiando moi fino habería que distinguilas, xa que a acracia nega a existencia de autoridade e a anarquía a existencia dun goberno ou un estado que dirixa o país.
 
Así pois, o que non queren os ácratas é que ninguén lles diga o que teñen que facer, xa que rexeitan calquera xeito de coerción e as regras de convivencia deben ser, para os defensores desta postura, pactos que cadaquén acepte voluntariamente, dado que se reivindica o dereito da persoa a decidir en total liberdade. Xa que logo, cada un manda no seu e fai o que lle peta.
Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir