Como prestan as esdrúxulas!

Unha lingua non é só un conxunto de palabras organizadas segundo unha sintaxe e unhas regras morfolóxicas. O idioma tamén é fonética, é a fala levada á escritura e unha entoación que lle dá o seu particular timbre, aínda que ás veces a acentuación trasládanos á orixe dun termo.

Independentemente do número de esdrúxulas que forman o noso corpus léxico, é ben saber que hai moitas que se forman cando o pronome se une ao verbo que o precede, pasando a formar unha única palabra, en moitos casos, proparoxítona (que é outra forma de dicir esdrúxula). Así pasamos dun simple "quero" a "quérote", cambiando a cousa substancialmente, non só na acentuación.

Este Setestrelo ocúpase desas esdrúxulas que, quizais por seren menos utilizadas, pódennos levar a engano e deixarnos lívidos e sen libido, que vén sendo grave (a acentuación, claro).
 

 

1

anódino -a

Que non ten importancia, que carece de graza ou interese

Nos diferentes córpora léxicos podemos atopar múltiples exemplos do uso deste termo, en frases como “vida anódina”, “aparencia anódina”, “home gris e anódino”, “edificio anódino”… un cualificativo que nos transporta a un mundo gris, mediocre e carente de interese, como ben se explica no Dicionario.

Este termo procede do latín anody̆nus, que á súa vez vén do grego anódynos, co significado de 'sen dor'. Nas linguas veciñas (portugués e castelán), seguen usando, aínda que ben pouco, este significado para referirse, por exemplo, a unha menciña 'que mitiga a dor'.
 

 

2

monólito

Monumento formado por un só bloque de pedra

Temos na memoria a escena da película 2001: Unha odisea do espazo de Kubrick, cando aqueles primates abraiados e asustados descobren a estraña pedra negra á que temen achegarse. Ese enorme pelouro, normalmente alto e alongado, recibe o nome de monólito.

A denominación ten a súa orixe etimolóxica na palabra latina monolĭthus, 'feito soamente cunha pedra', adaptada do grego monólithos. Outros termos que teñen esta mesma terminación –litos (‘pedra’), como coprólito ou megálito, manteñen a acentuación esdrúxula, consonte á etimoloxía.
 

 

3

gladíolo

Planta ornamental da familia das iridáceas de follas longas e aguzadas en forma de espada, con raíz en forma de bulbo e con grandes flores formando unha espiga, do que existen diversas especies

Os gladíolos, flores ben coñecidas por seren moi utilizadas para adornar as nosas casas, cemiterios etc., teñen a súa orixe etimolóxica no termo latino gladiŏlus que é unha forma derivada de gladius, 'espada', concretada en 'espada pequena'. É de supoñer que a forma das follas foi a motivación para empregar o termo latino ao lle dar nome á planta. Ademais, ao manterse o cultismo, xa que a forma non varía fronte ao étimo, mantense tamén a acentuación esdrúxula.

Exemplos semellantes de fidelidade ao étimo son: pecíolo, do latín petiŏlus, derivado de pes, pedis mais o sufixo diminutivo e tería o significado de 'pé pequeno'; vitríolo, derivado do latín vitrum, tamén co sufixo diminutivo –olus, 'vidro pequeno', ou folíolo de foliŏlum, diminutivo latino de folium, ‘folla’.

 

4

métopa

Parte do friso dórico comprendida entre dous tríglifos

A etimoloxía de métopa procede do latín metŏpa, e este do grego metope, a partir de meta co significado de 'no medio de, no intervalo' e ope, 'buraco, abertura'.

As métopas podían estar decoradas ou non. O Partenón de Atenas, o templo dedicado á deusa Atenea, protectora da cidade á que dá nome, tiña o seu friso decorado con tríglifos entre os que se situaban as métopas esculpidas en baixorrelevo. Víanse episodios da guerra de Troia, a procesión das Panateneas, escenas da loita contra os xigantes etc. Dicímolo en pasado porque boa parte delas andan repartidas por diferentes poboacións do mundo, lonxe do lugar onde deberían estar, o museo da Acrópole de Atenas. Na web deste museo pódese xogar coas métopas e outros elementos que compoñían o friso do Partenón.
 

 

5

petróglifo

Gravado da época prehistórica feito sobre pedras que estaban ao aire libre

O termo petróglifo retrotráenos á prehistoria aínda que a súa orixe é máis actual xa que procede do grego petra, 'rocha' e un derivado verbal glifos, que significaba 'cicelar, gravar'.

Motivos como a caza, os cervos, os labirintos etc., forman parte da arte rupestre e o seu significado deu lugar a múltiples estudos. No noso país temos moitos e valiosos exemplos destes gravados en pedra como o petróglifo de Mogor en Marín ou os petróglifos de Campo Lameiro.

Buscando no Dicionario calquera palabra rematada en –glifo comprobaremos que todas teñen acentuación esdrúxula, como os tríglifos do Partenón ou os xeróglifos exipcios ou os que aparecen nalgúns xornais.
 

6

tríscele

Motivo decorativo formado por tres ou máis aspas curvadas que se inscriben nunha circunferencia

A orixe grega do termo revélanos algo do seu significado: procede de triskeles, co valor de 'con tres pernas, con tres pés'.

Este antigo motivo decorativo aparece en diferentes culturas e mesmo hoxe en día, cunha forma evolucionada, no escudo de Sicilia ou no da Illa de Man. Na cultura castrexa (a partir do século III a. de C.), están documentados na arquitectura e nalgunha peza de ourivería, como por exemplo nos remates de torques que se atoparon no castro de santa Tegra. Despois dunha morea de séculos de uso seguímolos atopando na ornamentación de todo tipo de obxectos, abelorios, tatuaxes etc.

Cómpre lembrar que, se ben está moi estendido o uso de trisquel, a forma normativa é tríscele.
 

 

 

7

termóstato

Dispositivo que permite manter constante de forma automática a temperatura dun sistema

Os termóstatos utilízanse, por exemplo, nos sistemas de calefacción para regular a temperatura en función do gusto ou dunha necesidade. Outro aparello común, co mesmo sistema, son as billas termostáticas que permiten rexer o nivel de frío ou calor co que queremos que saia a auga na ducha, no vertedoiro etc.

A orixe deste vocábulo combina dous termos gregos: thermos co significado de 'quente' e o sufixo –stato co significado de 'aparello', 'estado'. Esta mesma acentuación esdrúxula mantense noutras palabras que teñen este mesmo sufixo como elemento compositivo: aeróstato, helióstato ou reóstato.
 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir