Compostos nada complexos

“Se algo é dificil e duro de facer, entón non paga a pena facelo”, iluminounos Homer Simpson. E este Setestrelo é para el e para quen precise as cousas claras sen ter que coller o Dicionario e consultar termos dos que non temos nin idea do que poden querer dicir. No DRAG hai máis de 50000 entradas e, quizais, as que seguen son as palabras menos visitadas, algunhas por seren comúns e moi coñecidas e outras porque a súa propia forma as delata; e entre elas hai algunhas ben ocorrentes. É o caso dos compostos que escollemos: dúas palabras transparentes que se xuntan para dar outra igual de clariña. Vai por ti, Homer, e perdoa por romper coa túa máxima de que “intentalo é o primeiro paso cara ao fracaso”.

1

Abrebocas

Instrumento que se emprega para manter aberta a boca

Entre outras moitas, unha das grandes dificultades de estudar medicina é a de ter de recoñecer e memorizar os nomes de patoloxías, substancias e medicamentos, que son as máis das veces verdadeiros trabalinguas. Fóra dos especialistas na materia, a quen non lle resultan extravagantes palabras coma eclampsia, intususcepción ou patognomonia? Cos instrumentos empregados polos médicos e cirurxiáns, a cousa non cambia moito e para os que non traballamos coa bata branca non é doado sabermos para que diantre poden servir o galvanocauterio ou o esfigmomanómetro. Con todo, tamén se bautizaron nos hospitais palabras que non retan o entendemento e por iso se o dentista nos di que vai sacar o abrebocas, xa entendemos que a partir dese momento alí non funciona o de “en boca pechada, non entra nada”.

Xuntando o predicado que designa a acción verbal co seu obxecto, fórmase o nome deste instrumento: de abrir (en latín aperire) e boca (do latín bucca). Idéntico procedemento ao que se utiliza para construír a palabra tapabocas, outro obxecto que porén nada ten que ver co ámbito da medicina, como non sexa que pode evitar termos que visitar o doutor para que nos cure o arrefriado.

2

Sacarrollas

Utensilio consistente nunha espiral metálica rematada en punta, unida a un mango ou a unha panca, que se emprega para sacar as rollas das botellas

As dificultades na cociña poden vir por non sermos quen de collerlle o punto ao arroz, por non darmos feito a lavar os pratos cando temos moitos convidados ou por ter pouco sentido da previsión á hora de repoñer periodicamente o contido da neveira. Son motivos abondos polo que non precisamos para nada complicarnos tamén coas cousas de falar así que, para nomear os aparellos cos que operamos nos fogóns, mellor irmos ao sinxelo. Por iso nas cociñas temos abrelatas, quebranoces e, se queremos un instrumento para abrir as botellas, que mellor forma de chamarlle ca sacarrollas?

O máis probable é que a orixe do verbo sacar haxa que buscala no gótico sakan, que podería traducirse por ‘preitear’, polo que primitivamente aparecía sobre todo en textos de carácter legal co sentido de ‘obter xudicialmente’. Destas primeiras acepcións xurídicas abriuse o significado ao sentido máis xeral de ‘extraer’. A palabra que nomea a peza cilíndrica, habitualmente de cortiza, que se usa para tapar as botellas, rolla, procede de rotula, diminutivo do latín rota, ‘roda’.

3

Pararraios

Artefacto formado por unha barra metálica terminada en punta e comunicada coa terra mediante fíos condutores de metal, que se coloca sobre os edificios para protexelos das descargas eléctricas da atmosfera

Xa se sabe que nunca chove a gusto de todos, e cando leva moitos días sen parar máis ben non é a gusto de ninguén. As condicións meteorolóxicas inflúen, e moito, na vida de todas e todos nós,  determinando boa parte das cousas que facemos, ou non, ao longo do día. Por iso non é de estrañar que inventaramos numerosos obxectos destinados exclusivamente a facerlle fronte ao estado da atmosfera. E xa se sabe que cando as cousas veñen na contra non hai como paralas, por iso temos: paraugas, parasoles, parabrisas e tamén pararraios.

Todos estes compostos seguen o mesmo modelo de construción: introducindo como segundo termo da composición o elemento a evitar ou parar, do latín parare que nun primeiro momento tiña o sentido de ‘preparar, dispoñer’ e que de aí estendeu o seu significado a ‘poñer en determinado estado ou posición’.

4

Gardacostas

Barco destinado á defensa e á vixilancia do litoral / Persoa que acompaña a outra, xeralmente un personaxe público, para protexela dunha posible agresión

Quen garda sempre ten e sobre todo se falamos de palabras, porque son moi numerosos os compostos que se crearon precisamente para dar conta dos obxectos, lugares ou persoas que teñen por obxectivo protexer algo ou alguén.

En latín o substantivo costa tiña orixinariamente o significado de ‘costela, lado ou flanco’ mais propiamente referido ás partes abdominais laterais dun corpo e, con posterioridade, desenvolveu o sentido especificamente xeográfico de ‘litoral’ ou ‘zona da terra que está próxima ao mar e viceversa’. Sabendo isto, entendemos que en galego cando falamos dun gardacostas temos que concretar a que nos referimos: se ao barco que vixía a ribeira do mar ou á persoa que ten por oficio o de protexer a outra. Sobre a base do predicado gardar (do latín guardare, derivado do xermánico *warda, ‘acto de buscar coa vista’ e tamén ‘sentinela’), formáronse moitos compostos deste tipo, para denominar ben a persoa que garda ou vixía (gardabarreira, gardarríos, gardamontes), ben ao lugar ou obxecto apropiado para poñer algo e deste xeito preservalo de dano (gardamán, gardarroupa, gardacabos  e tamén gardalama, gardapó)

5

Calcapapeis

Obxecto pesado que se coloca sobre os papeis, nunha mesa de oficina, para que non se movan nin se extravíen

En case ningunha situación é recomendable perder os papeis, pero moito menos se estamos a falar dos que gardamos na oficina; porque se traballamos nunha biblioteca aínda, pero se somos responsables dunha axencia matrimonial é doado imaxinar a que se pode lear. Agora que case todos os documentos se gardan na memoria do ordenador, teñen moito máis perigo os cortes de luz ca as ventás abertas, pero en tempos calcapapeis, portafolios e abrecartas eran parte do enxoval imprescindible para calquera despacho de xeito.

Calcapapeis
constrúese sobre o predicado calcar, que procede do latín calcare, ‘pisar’ ou máis especificamente ‘comprimir pisando’. De aí esténdese o sentido ata ‘exercer presión sobre algo co pé ou con algún obxecto’, que é o que funciona en calcapapeis e tamén noutro composto paralelo: calcafoles, o pau co que se calca o contido dun saco.

6

Quitamanchas

Produto de limpeza utilizado para eliminar as manchas máis difíciles dun tecido

Os nenos e as nenas son amigos de pintar, ou case podería dicirse, batallar, coas pinturas de dedos, os rotuladores e as témperas. Tratándose dos máis pequenos, todo vale como medio para o graffiti e o chocolate, a froita ou o xeado son auténticas armas, e non precisamente brancas, contra calquera peza de roupa ou superficie imaxinable. Unha vez localizado o artístico desastre, nada reconforta máis ca avistar entre os andeis do supermercado un botiño co sinxelo rótulo de quitamanchas.

Como palabra, a mancha procede do étimo latino macula, co mesmo significado. Outros compostos que serven para deixalo todo inmaculado e que se constrúen de xeito paralelo a este sobre predicados sinónimos son, por exemplo: lavacristais ou lavalouza, e tamén referidos á persoa que fai desaparecer a sucidade, limpabotas e limpachemineas.

7

Cortaferro

Ferramenta que consiste nunha barra de ferro acabada en punta afiada que se emprega para cortar metais en frío ou facer buracos nas paredes, golpeándoa nun dos seus extremos cun martelo

Calquera carpinteiro pode explicarnos sen problemas para que serve un bastrén, un escoupro ou unha aixola, obxectos que para os que non somos coñecedores do oficio poden resultar case tan estraños coma para un indíxena da Amazonia un ordenador portátil. E pola mesma, se nunca puxemos o pé na forxa, hanos custar adiviñar a función da incre ou o barquín. Porén, "amigos verdadeiros" podemos atopalos en todas partes e por iso se escoitamos o ferreiro falar do cortaferro aínda podemos manter un bocado a conversa porque a propia forma da palabra é a mellor pista para comprendermos a función desta ferramenta, á que tamén pode chamárselle cortafrío.

O mesmo ca o seu significado, a etimoloxía tampouco non presenta dúbidas: do curtare latino, derivado do adxectivo curtus, e mais o substantivo ferrus. Outras palabras que se constrúen polo mesmo método: cortaúnllas, cortapastas ou cortapizzas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir