Con a-e-i-o-u

Unha distinción universal en todas as linguas é a de discriminar entre os sons de vogal e consoante. En galego ademais, a vogal é sempre o núcleo da sílaba e viceversa, así que non pode haber ningunha palabra sen vogal.

Temos polo tanto que todas as palabras conteñen unha vogal, aínda que non todas as letras correspondentes aparecen na mesma proporción. Unha análise básica das frecuencias escritas dános que as vogais máis e menos habituais a nivel escrito son respectivamente o <a> e o <u> (a nivel oral, onde hai sete vogais tónicas pero tamén neutralizacións, as frecuencias están máis repartidas).

Este Setestrelo vai das entradas máis longas no Dicionario da Real Academia Galega que só teñan unha vogal. Aproveitaremos tamén para engadir as maiores palabras con todas as vogais á vez e rematar coas meirandes sen ningunha vogal.

1

lanzagranadas

Lanzador portátil para proxectar granadas.

Estamos ante unha palabra de trece letras, composta doutras dúas que obviamente tamén conteñen só a primeira das vogais. Como se deduce dos seus compoñentes, trátase dunha arma para guindar proxectís, aínda que prefeririamos que enviase froita, que é a segunda acepción de granada (a de milgranda).

Outra palabra que non contén máis vogais, pero máis longa en letras aínda (14) é chascarraschás, nome onomatopeico do 'son das vieiras ao fretalas', orixinado polo propio ruído. Con todo, esta palabra xa non ten cinco vogais, senón só catro. Isto demostra que o longo da palabra non acompaña necesariamente o número de vogais: de feito, palabras moito máis breves (10) como alabardada ou saraganada aínda teñen tamén cinco vogais.

Antes de rematar, queremos mencionar como curiosidade que existen varias locucións longas e só coa vogal , como ás carranchas, a carranchas ou ás agachadas.

2

preferentemente

Tomándoo como primeiro en consideración.

Era de esperar que cando tocase a quenda da letra aparecese o sufixo -mente. Así é, un adxectivo con só esta vogal permite crear o adverbio preferentemente derivado con quince letras e seis vogais. Este recurso ten moito rendemento e abonda con aplicalo a outras bases similares como vehemente, reverente, excelente (9), fervente, pedestre (8), perenne, decente ou recente (7) para crear palabras con cinco letras máis. Nótese ademais como no primeiro caso se repite a secuencia -mente (e en case todos eles -ente).

Con todo, crear un adverbio non é a única maneira: entre as máis longas tamén hai verbos (desentebrecer, con 13), adxectivos (efervescente, 12) e adverbios derivados doutros xeitos (entrementres, 12).

3

colondrollo

Embutido con cabaza e arroz, ou tripa do intestino groso.

Cando se trata de palabras longas só con , colondrollo é a raíña indiscutible. Está composta de catro vogais iguais e once letras. Con todo, hainas con mesmo cinco vogais, aínda que nese caso inclúen xa algunha outra distinta: todopoderoso. Segundo as fontes, tanto esta campioa como o seu sinónimo colondro, proceden ou da mesma orixe que colon ou da mesma que cilindro.

Nunha posición intermedia entre once e dez letras está a locución latina grosso modo, de dez grafemas reais mais un espazo entre palabras que se pode contar ou non como carácter.

Xa claramente con dez letras están cloroformo, proctólogo, odontólogo e cosmódromo. Con todo, calquera dos substantivos e adxectivos anteriores (que por certo, son maioría) tamén admiten engadirlle un e aumentar unha letra máis, co cal a clasificación relativa real quedaría igual.

4

inscribir

Incluír unha figura dentro doutra, un nome nunha lista ou un deseño cara ao interior dunha superficie dura.

Cando se trata da vogal do punto, a lonxitude das palabras máis longas e o número de sílabas diminúe drasticamente. Así, o máximo de letras redúcese a nove, como é o caso de inscribir. Esta palabra pertence a unha enorme familia léxica co significado de 'plasmar sobre un papel' ou 'concretar unha relación': o antónimo circunscribir, adscribir, describir, escribir, prescribir, proscribir, reescribir, sobrescribir, subscribir e transcribir.

Outra palabra con nove letras é infrinxir ('quebrantar unha lei'), mentres que con oito están inflixir ('facer dano'), insistir, imprimir, inmiscir e chinchín. Con todo, cómpre ter en conta que estes datos de máximos se refiren ás formas escritas. Se se trata de que só teña fonemas vocálicos /i/, aínda que graficamente poida aparecer un mudo, podemos dar unha palabra máis longa, de dez letras: distinguir. Esta situación de diverxencia entre as máis longas a nivel oral e escrito só se dá con esta vogal, e non coas anteriores, e moito menos coa que falta.

5

cuscús

Comida de orixe árabe, que consiste en sémola de trigo, cocida ao vapor e que se pode acompañar con carne e verdura.

Entre as máis longas coa vogal menos habitual aparece un cuádruplo empate a seis caracteres: zunzún, frufrú, cuscús e súmmum. Dáse tamén a circunstancia de que boa parte delas semellan orixinarse dun fenómeno de reiteración silábica, as primeiras para reproducir un son de paso do vento ou de roce de teas (tal e como puido pasar con tutú ou nunú). A orixe das restantes demostra a pouca frecuencia desta vogal en galego: trátanse dun arabismo e un latinismo.

Cunha letra menos pero unha vogal máis está urubú, mentres que manténdose nas dúas vogais pero con menos letras son tan escasas que compensa recollelas todas: curul, humus, lupus, urdú e zulú. Nótese outra vez o carácter pouco galego dos termos, por seren latinismos (como a maioría dos rematados en -us) e estranxeirismos.

6

eufonía

Efecto do que soa ben.

Xa vimos que son maioría os nomes e as locucións, os adverbios en -mente para, os verbos da terceira conxugación se conteñen, os adxectivos con e as onomatopeas no caso de . Cal será a categoría gramatical predominante cando se teñen todas?

Para atopar as palabras maiores con todas as vogais só hai que pescudar entre as palabras máis longas: contrarrevolucionario, inconstitucionalidade e radiotelecomunicación. Unha cuestión tamén interesante é cales son as máis curtas. Neste caso hai catro palabras de sete letras coas cinco vogais pronunciadas (sequoia, eufonía, euforia e tiourea) e unha máis onde unha vogal, que só pode ser o caso de, é muda (queiroa, de feito, en profundo contraste con sequoia). Como vemos, para todas as vogais, o maioritario é que a categoría sexa a de substantivo.

7

C.G.S.

Sistema de unidades de medida baseado no centímetro, no gramo e no segundo.

Vistas as palabras máis longas con cada vogal e mesmo con todas, queda a entrada máis longa sen elas. Polo comentado na introdución, non pode haber unha palabra así, polo que en realidade son abreviacións, siglas e símbolos.

Este o caso da entrada con seis caracteres C.G.S., que corresponde á abreviación de "centímetro, gramo, segundo". Trátase dun sistema de medida que usa estas tres unidades como base estrutural, que conta mesmo co adxectivo ceguesimal. Outra abreviación pero de tres letras sen puntos é TNT, do composto explosivo "trinitrotolueno". O uso diferente dos puntos vén dado polo número de palabras de onde procede. Os outros dous casos de tres letras son os irmáns MHz e kHz, que simbolizan megahertz e quilohertz respectivamente. Nótese a minúscula inicial do segundo, debido a que así está establecido oficialmente.

A incorporación destas non palabras nos dicionarios non deixa de ser controvertida. Entre as causas están: criterio de selección (marcando en negra o existente no Dicionario e en cursiva o ausente: TNT si pero DDT non), lectura (CC.OO., O.N.U., TVG, U2 ou I.R.A.), relevancia (FEDER, O.T.A.N. e O.E.A.), temporalidade (C.E.E. e U.E.), uso ou non do punto, da maiúscula e de nomes comerciais (CinemaScope, Dolby, colacao, cocacola, nailon, velcro, teflón, neopreno, goretex, quinqué, baquelita, uralita, silestone, polietileno, poliestireno, iPod), grao de instalación na lingua (o uso crecente de DNA fronte a ADN), inclusión e alfabetización de letras e símbolos científicos (por exemplo os de micro-, de integral, das notas musicais, as operacións aritméticas ou o operador nabla, as letras delta e eszet ou o et tabeliónico) e, dado que se inclúen os de elementos químicos, símbolos de fórmulas complexas (do estilo NaCl, cos superíndices e subíndices cando correspondan).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir